Ence anuncia perdas de 14 millóns até marzo en pleno conflito pola baixada do prezo do eucalipto

Ence anuncia perdas de 14 millóns até marzo en pleno conflito pola baixada do prezo do eucalipto
Madera en el Puerto Exterior

A pasteira Ence sinalou onte aos intermediarios como responsábeis do incremento do prezo da madeira e copartícipes nos resultados económicos do primeiro trimestre que, segundo anunciou a compañía de celulosa e enerxía con biomasa onte, revelan unhas perdas por valor de 14 millóns de euros. No mesmo periodo do ano pasado, a empresa gañou 13 millóns.
Nun comunicado, Ence,  que se atopa en pleno conflito cos propietarios forestais e as asociacións de madeiristas pola baixada en 3,5 euros do prezo da tonelada de eucalipto, apuntou tamén ao Goberno. Así, enunciou o impacto dos “novos impostos da enerxía e a nova retribución ás renovábeis e a coxeneración”, para deseguido volver poñer o foco no “aumento do prezo da madeira”, que, segundo di, “experimentou un crecemento próximo ao 5%” con repecto ao primeiro trimestre do ano 2013.
A empresa quixo atribuírlle unha parte dos malos resultados ao “anómalo comportamento” do mercado da madeira nos últimos meses, ao se producir un “trasvase de compras duns dous millóns de toneladas de Galicia con destino a Portugal, así como un movemento equivalente de Portugal a Galicia”, dinámica que, sostén a pasteira, “beneficiou exclusivamente os intermediarios e ocasionou tal aumento de prezos”.
Ence insiste en que estes traspasos co país veciño provocan un aumento do prezo final da madeira polo transporte, “en prexuízo dos propietarios forestais e das fábricas de celulosa”.
No tocante ao sector enerxético, Ence considera que como consecuencia da reforma eléctrica do Goberno as vendas diminuíron un 46% e a produción de enerxía por tonelada de celulosa producida ten caído máis dun 19%.
Porén, a pasteira explica que o seu “baixo nivel de endebedamento” permite impulsar un programa de inversións na fábrica de Navia para combater os efectos de dita reforma, unha actuación que non pode, di, replicar en Pontevedra ante a incertidume da súa concesión.

Ence anuncia perdas de 14 millóns até marzo en pleno conflito pola baixada do prezo do eucalipto

Te puede interesar