O cociñeiro Héctor López lerá o pregón no V Mercado Mariñeiro

O cociñeiro Héctor López lerá o pregón no V Mercado Mariñeiro
Diario de Ferrol-2014-08-14-016-d0677131

A música e a animación de rúa acompañarán ó Mercado Mariñeiro de Ortigueira, que se celebra na Alameda da localidade desde mañá ata o domingo e que terá na degustación dos produtos da ría e na feira de artesanía os seus piares básicos. A Confraría de Pescadores ten preparados 120 quilos de ameixa e de berberecho que se repartirán entre 17 establecementos de hostalería para organizar unha ruta que inclúe pinchos e tamén menús nos que estes alimentos do mar terán preeminencia. Varíase así o formato respecto das catro edicións anteriores, cando se facía un xantar popular nunha carpa, para poder dar unha oferta maior no apartado gastronómico, pois cada un cociñará como queira, e ademais repartir ós visitantes entre os distintos locais da vila.
No apartado artesán tamén hai variacións para achegar a este mercado os produtos locais. Haberá unha trintena de espazos e neles, ó lado dos produtos feitos con coiro e con outros materiais, promocionaranse pans ou mel da zona, así como as algas que se procesan na empresa Mar de Ardora ou produtos da rede de Villas Mariñeiras (como as anchoas de Santoña), na que está incluída Ortigueira.
As actividades comezarán o venres 15 coa apertura do mercado na Alameda, ás seis da tarde, e con xogos tradicionais para tódalas idades a cargo do colectivo Xandobela.
O sábado actuará o grupo tradicional Gamelas e Anduriñas, de Espasante, ás 18.30 horas. Para as nove está previsto o pregón, que pronunciará Héctor López, chef do restaurante España, de Lugo, e membro do Grupo Nove. A continuación actuarán as rondallas Grupo Rosas (da Coruña), Sonidos del Alba (de Ferrol), e Tanxedoiro (tamén da cidade herculina).
O programa do domingo 17 comezará á unha da tarde cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Ladrido. O xantar repartirase entre os restaurantes con menú mariñeiro a 15 euros (Casa Giz, Cabana do Fox, Río Sor, O’Fogón, Náutico, Soilán, Manolo’s e Malecón) e os que ofrecen tapas a dous euros (Río Sor, O’Fogón, Don Pepe, Galaripos, Ciclón, Bodegón 90, Arcos, Alameda, Novo Club, Malecón, a cafetería do Centro Social e tamén a do Centro de Recepción de Visitantes). Pola tarde, a partir das 17.30 horas, haberá animación de rúa a cargo de Roi Sixto “O cagabolas”.
As novidades neste mercado realizáronse coa intención de actualizar a fórmula e impulsar unha proposta turística que pode beneficiar a  diversos sectores comerciais da vila. n

O cociñeiro Héctor López lerá o pregón no V Mercado Mariñeiro

Te puede interesar