Contacontos, obradoiros e maratóns de lectura no Día das Bibliotecas

Imaxe do obradoiro infantil desenvolvido onte pola tarde na Biblioteca Municipal de Ferrol | jorge meis
|

Desde 1997, cada 24 de outubro réndese homenaxe ás bibliotecas nunha efémeride coa que se lembra a destrución da de Saraxevo durante a guerra da antiga Iugoslavia. Na xornada de onte –noutros casos como en Narón as actividades adiantáronse á xornada do sábado–, moitos destes espazos da comarca de Ferrolterra desenvolveron diferentes propostas para conmemorar a cita. Así, por exemplo, na Biblioteca Municipal de Ferrol desenvolvéronse dúas proxeccións de cine –unha pola mañá e outra pola tarde– e un obradoiro infantil dirixido a nenos a partir de tres anos.
Tamén na de Fene houbo onte unha sesión especial con motivo da xornada. Neste caso visitou o centro o músico e actor Paco Cerdeiras para ofrecer o seu espectáculo “As parábolas de Pakolas”.Cancións e contos para animar aos pequenos.
Pola súa banda, a Biblioteca de Pontedeume organizou unha exposición con 16 carteis ilustrativos doutras tantas edicións da conmemoración deste 24 de outubro e que forman parte do fondo de 900 carteis do centro.
Tamén nos colexios houbo espazo onte para o Día das Bibliotecas como propostas como o maratón de lectura no La Salle. l

Contacontos, obradoiros e maratóns de lectura no Día das Bibliotecas