Enigma do tsunami laboral

Tsunami, na forma moderna de utilizar a expresión tradicional do que moito antes sempre se coñecía por maremoto, é definición da onda xigante producida por un terremoto no fondo mariño. Tamén perfecta metáfora do efecto de devastación descoñecida que se agocha detrás dun fenómeno que podemos igualar á síntese dese “movemento brusco ou sacudida violenta nalgún punto da superficie terrestre, orixinado por fenómenos subterráneos”. Porén, neste caso, na superficie planetaria, con certeza como consecuencia dos hábitos humanos de uso e abuso dos modos de relacionarse co medio natural biolóxico, incluída a forma de tomar alimento de procedencia animal e polo xeito de concentrarse en poboacións de irresponsábel densidade na acumulación de persoas, propagando así os efectos do contaxio vírico en situacións que, principalmente por esas causas, escapan ao control sanitario para converterse en pandemias.

Velaí, niso andamos coa situación actual na que son coñecidos os efectos da onda de colisión, especialmente no ámbito sanitario e na parálise económica, consecuente á imprescindíbel situación dos estados de alarma que promoveron o illamento social para frear a propagación da enfermidade.  Estando aínda na fase do choque social, consecuencia dunha situación que provocou un impacto sen precedente na recente historia mundial, agora comeza a facerse cada vez máis temido e preocupante o devir futuro da saída económica, laboral e social á situación creada por esta circunstancia. Cousa da que se ignora todo e resulta difícil de avaliar. Enigma.

Malia a incerteza e o pésimo agoiro que é de agardar, as decisións e medidas cambiantes acordadas polos gobernos de quenda, sexa no ámbito estatal ou no máis ausente incluso deste noso país galego, non garanten en modo algún a persistencia dos diminuídos dereitos sociais que aínda se manteñen vivos. Todo o contrario, todo apunta na dirección de que, máis unha vez, o custo da catástrofe sanitaria vai por conta das clases traballadoras. Un futuro con máis altos niveis de precariedade, tanto pola minoración dos salarios como pola forma de acceder á relación laboral nun ambiente cun grado de desemprego desbocado. Sorte parella, e aínda más grave se cabe, é o que agarda a outros aspectos do benestar social en relación ás persoas máis desfavorecidas.

Esa falsa ilusión óptica, inducida polo sistema dominante, cunha tramposa mobilidade social procurando ser  “clase media” vai camiño de esnaquizarse acentuando a proletarización no ámbito laboral, coa mocidade soportando o peor parte.  Futuro inxusto.

Enigma do tsunami laboral

Te puede interesar