viernes 7/8/20

En cada rostro igualdade

Cos nosos corpos reducidos á limitación física das casas nas que debemos gardar esta longa corentena, vocábulo que no aspecto cuantitativo é un absoluto sarcasmo, na prevención da pandemia que asolaga ás xentes do ámbito planetario; entendida esta na súa versión clásica que dotou á palabra dun significado no que se define ese “espazo de tempo no que se manteñen illadas as persoas e mercadorías procedentes dun país onde hai epidemia”; a nosa lembranza non impide que viaxemos no tempo para facer memoria histórica dun acontecemento que se torna simbólico para o momento actual: A data do 25 de Abril que é icona da mítica Revolución dos Caraveis, dun tempo novo de liberdade, igualdade e fraternidade das persoas.

Declaración de compromiso e metafísica de convivencia que se converte en canción musicada por Xosé Afonso para dotala de símbolo á sublevación en contra da ditadura que moveu aos militares demócratas na procura de dotar ao pobo portugués dun réxime representativo e solidario: En cada esquina un amigo / en cada rostro igualdade / Grándola, vila morena / terra da fraternidade.

Aquel primaveral 25 de Abril de 1974, ficou na retina da súa xente e no mundo enteiro, asociada a dous símbolos: os caraveis que, por unha oportuna coincidencia na que sobraron dunha celebración festiva, foron agasallados en camaradería de concordancia a soldados que viron neles ocasión para mandar unha mensaxe de calma á cidadanía colocándoos no canon dos seus fusís ou dos tanques situados fronte á capitanía do poder déspota; e, por outra beira, a antes prohibida cantiga do “Grándola” que malia non ser realmente a primeira en ser emitida pola radio, mérito que lle corresponde ao “E despois do Adeus”, rematou por ser o lendario himno da “revolución”. 

A vocación igualitaria dos “capitáns de abril”, logo malograda polas forzas reaccionaria do interese mercantil e xeopolítico occidental, trae a colación nesta situación de alarma que soportamos hoxe en día, a bondade dun sistema sanitario de carácter igualitario, por ser público e universal, que se ten convertido en verdadeira barreira de choque fronte ao letal contaxio vírico; un andazo que, a súa vez, opera con igualdade de penetración nun lado e no outro das fronteiras políticas amplificando o efecto da globalización capitalista, empobrecendo persoas que esixen outro modelo económico, máis xusto e igualitario. Equidade distributiva que precisa instaurar, sen máis demora, unha renda mínima vital.

Comentarios