viernes 7/8/20

A semente da rebelión

Marzo é mes de mobilización da clase traballadora galega; e dentro do seu conxunto, a comezar coa reivindicación do Día Internacional da Muller que vai para alén do conxunto dos traballos  asalariados, estendéndose ao labor nos fogares, socialmente non valorado coa xustiza do que é merecente e case que invisíbel, no que se produce un sistemático xeito de abuso, consecuencia dunha “disposición feminina estimulada culturalmente que nos conduciu a unha desigualdade histórica, onde as coidadoras primarias na familia traballan gratis e as coidadoras en centros públicos, privados, ou no mesmo fogar, están mal pagadas e desenvolven o seu labor en situación de precariedade e mesmo explotación”; na exacta valoración de voceiras do sindicalismo galego.

Denuncia incontestábel asumida polo forte e imparábel movemento do feminismo militante e comprometido, chamado a mobilizarse nestas datas que enmarcan a conmemoración do orixinalmente Día da Muller Traballadora, para reivindicar dereitos propios e igualdade fronte a discriminación que sofren nun sistema capitalista que é, mágoa diso, acentuadamente patriarcal por máis que intente agochalo con normas formais, proclamas e declaracións de intencións á procura de atender o berro de xustiza de voces coa cor lila; símbolo cromático do movemento feminista que vai asociada á efeméride do 8 de Marzo, nacido do fenómeno que forxaron, en 1911 nos Estados Unidos, coa súa traxedia as mulleres da fábrica téxtil T-Shirtwaist de Nova Iorque, vítimas da explotación laboral que se cobrou a vida dunhas cento trinta traballadoras por causa dun incendio no que se viron fatalmente atrapadas.

Mulleres e homes do universo laboral que, no caso galego, teñen unha data propia marcada a ferro, escrita coa súa sangue no calendario. É o dez de marzo, memoria da represión que provocou, no Ferrol de 1972, a criminal morte de Amador e Daniel, convertidos de vez en mártires cívicos e símbolo da causa que cada ano chama á mobilización e á lembranza, conmemorada como Día da Clase Obreira Galega. O seu recordo non pode esquecer ao resto dos traballadores feridos, despedidos, multados, procesados ou encadeados por decisión daquel infame Tribunal de Orde Pública. Gratitude coa lembranza para todas as vítimas dos conflitos que forxaron o movemento sindical galego e ás traballadoras e traballadores que soportaron aldraxe e persecución en diverso grado en toda esta longa etapa que suma máis de corenta anos con políticas contrarias ao interese de clase que piden, sen demora, ser rehabilitadas. 

Comentarios