A chamada do muecín

na tradición relixiosa do islamismo, a chamada do muecín á oración que vén obrigada polo respecto ás obrigas derivadas dunha correcta práctica cos seus mandamentos, rito que se reitera por cinco veces cada día, é atendida polo seu fieis seguidores na base de saber que se emite dende unha voz de sabedoría e credibilidade.  O convite á resposta do rezo individualizado é un código que converte aos minaretes das mesquitas nunha fonte de transmisión cun código equivalente á función que de sempre realizaron os sancristáns nas parroquias do rural galego abaneando as campás de igrexas ou ermidas cun badaleo que proclamaba, sen dúbida na súa interpretación, novas de loito, de festa, de comezo da misa; e tamén das emerxencias.
Porén, ollando para o fenómeno da expansión xeográfica, por todos os continentes do planeta, que está a producirse coa crise universal do coronavirus, Covid-19, en relación á reacción e resposta dada polas institucións políticas e polas autoridades sanitarias, de aquí e de acolá, coñecedores da chamada dos científicos que alertaron sobre os seus efectos e propagación, xustifica unha conclusión moi acaída coa retranca das xentes deste noso país: Víase vir. 
Nos últimos anos, unha manchea de rigorosos estudos científicos, extensamente divulgados, anunciaron que ía nacer a pandemia actual, alertando que o mundo non estaba preparado para iso, de non tomar medidas urxentes para frear os seus efectos negativos. Alerta e chamados á resposta política que non só non se atendeu senón que, nesta beira e no alén atlántico, aplicaron políticas públicas que deterioraron gravemente, polo recorte no gasto público e polas privatizacións, así como outras medidas que impuxeron reformas nos mercados laborais, coa perda de dereitos que diminuíron a protección social de gran parte da poboación, afectando especialmente ás clases populares destes países co aumento dos niveis de pobreza. Unha consecuencia directa diso é a perda de calidade nos sistemas sanitarios, reducidos en persoal asistencial, equipamentos e número de camas. Por iso, chove sobre mollado. 
A imprevisión diante do anuncio de algo que era non só posíbel, senón que agardado, xa non ten remedio. Por diante, ábrese un panorama incerto que, entre outras necesidades de máxima prioridade, anuncia a emerxencia dunha “economía de guerra”, aínda sabendo que por sorte non haberá infraestruturas destruídas que reconstruír. Toca facer caso, esta vez agardemos que si, aos sabios que piden un forte investimento público a favor do emprego.

A chamada do muecín

Te puede interesar