Polbo á mugardesa

proximo día 8 de Xullo vai ter lugar na miña vila a XXVIII edición da que se dou en chamar “Festa do Polvo”. Parece mentira que xa pasaran 28 anos dende aquela primeira vez na que a alguén se lle ocurriu facer exaltación deste cefalópodo tan noso. Hoxe esta festa está catalogada como de interese turístico, como outras festas gastronómicas repartidas pola xeografía de Galicia. Por exemplo no Carballiño dende setembro de 1964 ten lugar a festa do polbo con máis raigame da nosa terra coa que non debemos competir porque nos levan certa ventaxe niso de ofrecer o “polbo á feira”. Pero o que si podemos e debemos, segundo o meu punto de vista, é facer exaltación nesta festa, do “polbo á mugardesa” que nisto si que somos únicos. Circunscribirnos a esa peculiar receita que nos dou sona por aí adiante e sitúa a Mugardos xunguido ao polbo, de cando había aquí polbeiros que se facían na ría co prezado cepalópodo e establecementos entón tan emblemáticos como “La Abundancia” ou “El Tirabeque”, que tiñan sona de seren referencia  en ofrecer “polbo á mugardesa”. Pero denantes foi na  “Casa Nieves” onde naceu a idea de condimentar o polbo ao noso xeito, unha historia que quizais algún día contaremos.
Trascendeu que este ano non van ser as agrupacións habituais as que elaboren e destribúan as racións que se despacharán na carpa habilitada para tal fin. Alúdese a cuestións de índole sanitaria, a algún incidente pasado, ao complicado que resulta manipular grandes cantidades deste produto sen o necesario control. Visto así semella razoable que sexa unha empresa a responsable profesionalmente da elaboración e distribución das miles de racións que se van despachar ese día. E dito isto eu iría un pouco máis lonxe: malia establecer a idea da prioridade de poñer en valor e promocionar basicamente o “polbo á mugardesa” suxeriría que ao derredor disto se fixera algo máis que despachar racións; promover outras actividades relacionadas coa orixe mariñeira de Mugardos, coa cultura da mar sobre a que descansa a idiosincrasia dos habitantes dunha vila que naceu, creceu e sempre viviu de cara á mar. Podería ser unha oportunidade de poñer os sinais de identidade sobre a mesa. Aí queda a idea que de momento é iso, idea e que en anos sucesivos podería adquirir corpo nos reponsables de cultura do concello e nas asociacións culturais da vila. A fórmula de hai 28 anos funcionou pero os tempos cambian e non está de máis botarlle un poco de imaxinación co gallo de fornecer esta festa con outros aditivos que, á parte do gastronómico, columna vertebral do evento, realcen a nosa cultura mariñeira. Ah! E que aproveite a todos o “polbo á mugardesa”. Abofé.
 

Polbo á mugardesa

Te puede interesar