Happy birthday Sociedade Filarmónica

Non entoamos a devandita canción pero ben que o puidemos facer os que asistimos ao concerto do xoves porque 70 anos sonche moitos nisto de promover e manter viva a afición á música na cidade de Ferrol. Dende que xurde a idea aló polo ano 1949 ata hoxe pasaron moitas cousas e case todas boas porque bó é solventar as difcultades que se presentaron neste longo camiño. Todos os afeccionados á música estamos en hora boa porque houbo e hai unha serie de xente que traballou a eito perante setenta anos para que non faltase a música nunha cidade musical por antonomasia. Xa que logo estabamos de festa, primeiro coa presenza da Orquestra Sinfónica de Galicia que interpretou a música de dous grandes: Tchaikosky e Beethoven. Do primeiro o concerto para violín en Re Maior, OP 35 con David Grimal como solista e peculiar director, e digo peculiar porque adoita preparar a diferentes orquestras para tocar sen director en escena. ¿Que quer dicir isto, que non fai falta director? Non, para nada, a dirección trabállase duranemente nos ensaios tanto que fronte ao público semella que a orquestra vai soa, sen conductor, como foi a OSG nas dúas maxitrais pezas que interpretou, a primeira co violín do seu director pletórico de rexistros para un concerto endemoniado pola técnica requirida. O primeiro tempo é dunha beleza inconmensurable: menos mal que Tchaikosky mantivo sempre unha “incomoda” relación con este instrumento, e malia iso foi quen de crear un dos máis belidos concertos para violín. Non quero pensar o que sería se esa relación fose estupenda.

Na Sinfonía nº 4 en si bemol, OP.60 de Beethoven que comeza cun son como saído do máis profundo do abismo, David Grimal seguindo o seu criterio de “toquemos xuntos”, sentou á beira do primeiro violín e desde aí, coma un integrante máis da orquestra, deixou que esta soara maxistralmente. Sempre dixen que hai que se deixar levar pola música e que esta sexa a que poña en función os teus sentimentos: a erudición pode axudar, claro, pero ao final son estes os que conseguirán poñer a túa emoción a cen.

Espléndido caterín co que a Sociedade Filarmónica agasallounos ao final deste concerto conmemoriativo onde puidemos cambiar impresións e desexar aos membros da directiva desta senlleira asociación polo menos outras 70 primaveras máis: xa non estaremos pero a música sempre seguirá para deleite das próximas xeracións. Felicidades aos que o fan posible e ¡viva á música por sempre!

Happy birthday Sociedade Filarmónica

Te puede interesar