Orzamentos, oportunidade perdida

Malia que o presidente da Xunta de Galiza presentou os orzamentos de 2021 como os máis grandes da historia da autonomía, os datos amosan que non é así e que ademais resultan insuficientes. Teñamos en consideración a urxencia dos gastos extras que implica a pandemia, tanto sanitaria como para soster unha parte do tecido produtivo e manter o emprego, así como a necesidade de dar un pulo que adapte a economía a nova etapa (dixitalización, confrontación entre potencias...). Daquela que os partidos da oposición cualificasen estes orzamentos como os dunha oportunidade perdida, tendo en consideración as políticas expansivas da UE na materia.

É verdade que os orzamentos aumentan un 13,93% en relación cos de 2020, axudoulle neste aspecto o IPC negativo. Mais, a contía é inferior aos orzamentos do ano 2009 se temos en consideración a inflación, e mesmo ignorando o medre do PIB por habitante neste período, xa que daquela superou nuns 1.500 millóns de euros o orzamento que agora se propón, segundo Ana Pontón portavoz do BNG no Parlamento Galego. Polo tanto en valores constantes non é o maior orzamento da Xunta de Galiza, máxime co necesario engadido dun medre extraordinario para paliar os efectos do covid-19.

Non se trata dun tema menor, e o retroceso na contía sen dúbida está ligado á crise de 2008, porén sobre todo á que se acentuaron as políticas neoliberais na UE e no Estado español, que Núñez Feijóo aplicou coa maior disciplina, lembremos como se gababa seu goberno de manter o axuste fiscal, obviando as consecuencias negativas nos servizos públicos esenciais e ignorando a obrigada modernización da actividade económica. E polo tanto, convén non esquecelo, medrou o número das empresas máis dinámicas que están hoxe controladas por capital foráneo, acentuando un balanzo negativo do capital investido na Galiza, alentando a emigración, e o retroceso demográfico e do PIB respecto do Estado español.

Estes orzamentos semellan que van na mesma liña de conservadurismo tradicional do PP, e apuntándose á comodidade do furgón de cola, ignorando a importancia histórica da conxuntura, xa que non é casual que Estados Unidos e Alemaña, por só poñer dous exemplos, estean gastando cartos a esgalla. Evidentemente dado a composición do Parlamento o Governo galego non terá atrancos para aprobar os orzamentos. Só o 1% do total responde a pactos coa patronal e sindicatos (agás a CIG) e os partidos da oposición na Cámara. Unha actitude que tamén deixa patente a falta de interese para buscar vías de consenso.

Orzamentos, oportunidade perdida

Te puede interesar