O coronavirus como aprendizaxe

O coronavirus como aprendizaxe

 

As decisións tomadas polo Goberno central e máis a Xunta eran necesarias. É verdade que as mortes provocadas polo coronavirus son menores que as da gripe común, porén é así polas medidas excepcionais. Ademais, os especialistas din que este virus se transmite con maior rapidez e que a taxa de mortalidade é máis alta. Tamén é lóxico que se adíen as eleccións galegas, hoxe non hai garantía para realizar campañas axeitadas, tampouco que podan votar todas as persoas que o desexen. Que haxa nestes aspectos unha postura común de todos os partidos é moi positivo.

 

Agora ben, decidir o peche de bares, restaurantes e outras actividades, poucas horas antes da resolución, sen dar tempo a que os negocios afectados se axusten á nova situación, non é precisamente un exemplo de eficacia. Deu a impresión dunha pelexa por escenificar quen tomaba a iniciativa neste tema, por parte das autonomías rexidas polo PP para se adiantar á decisión de declaración de alarma social polo Executivo PSOE-UP. Tampouco é respectuoso co cargo que Feijóo desenvolvese a rolda de prensa, na que anunciou a emerxencia sanitaria, renunciando a utilizar o galego, que empregou como idioma secundario en todo momento. Acaso a lingua propia do país non vale para as situacións transcendentais?...

 

Seica medidas tan radicais son necesarias para reducir o número de persoas afectadas e os decesos e evitar que o sistema sanitario colapse. Tamén se teoriza respecto que desta pandemia debemos tirar como ensinanzas que hai que fortalecer o sistema sanitario e, no económico, non depender dos fornecementos dun só país, dado que estas alarmas serán normais no futuro. En ningún caso se cuestiona a globalización neoliberal. Ignorase que existe unha relación entre estas pandemias globais incontrolábeis e a grave crise ecolóxica, o aumento da desigualdade entre clases e territorios, as migracións forzadas, as guerras e bloqueos que estragan países enteiros, as grandes concentracións urbanas, o turismo masificado, o desaxuste demográfico. O capitalismo está senil!

 

É urxente construír un modelo económico e social que asegure un desenvolvemento autocentrado e sustentábel, respectuoso coa natureza, que aproveite os avances científico técnicos para dispor servizos públicos eficientes, para reducir a xornada laboral, e para garantir ingresos e prestacións dignos. Un sistema ao servizo das persoas. Un mundo no que se protexa a diversidade da natureza e a enorme riqueza cultural e lingüística. O coronavirus é unha lección da que tirarmos ensinanzas.

 

Manuel Mera

 

 

O coronavirus como aprendizaxe

Te puede interesar