Cataluña na vía do diálogo

alia que as posturas estean moi afastadas, o encontro entre o Presidente do Estado español (EE) e o da Generalitat de Cataluña é un paso no bo camiño, para abrir as portas ao dialogo e buscar unha solución que reflicta a vontade popular. A xuntanza e as declaracións axudan a contextualizar máis acaidamente o conflito, condicionado neste intre pola vía xudicial, con sentenzas que teñen un carácter exemplarizante. Que se considere sedición unha declaración simbólica de independencia, que se quite cargo de deputado a Torra por poñer un lazo amarelo, aplicando medidas nacidas para axer contra os que arroupaban os grupos armados, non se poden considerar decisións proporcionais, aínda que as permita o Código Penal. Motivo polo que o Goberno quere modificalo, así como derrogar a Lei “Mordaza” e o artigo 315.3 do CP. 
Segundo as enquisas unha maioría da sociedade catalá quere ter capacidade para poder decidir o futuro nun referendo e que se libere aos presos políticos. Tamén indican que o país está dividido respecto do futuro, entre os que queren a independencia e aqueles que desexan manterse no EE. A dereita teme que permitir a realización dun referendo ou dotar a Cataluña de maiores competencias (e ao resto das nacionalidades, como Euskadi, Galiza...) aumente o número de persoas a prol da independencia. Por iso rexeita o dialogo, xa que non confía no atractivo dos seus argumentos, e só contempla o inmobilismo e a aplicación da lei do máis forte. 
Todo reflicte que o Goberno ten súa propia folla de ruta, coa que espera reducir o apoio popular á independencia transferindo competencias e recursos, sen ceder na soberanía. Contan para o éxito desta estratexia dando por fracasado o procés, e valorando que existe unha porcentaxe significativa da poboación que escolle alternativa en función da que consideran máis realista e beneficiosa nese momento. 
Todo fai pensar que neste contexto ERC, que é o partido cunha estratexia máis definida e con maior iniciativa no independentismo, quere relaxar a confrontación para gañar tempo e atraer cara o soberanismo a aquelas persoas que queren que Cataluña teña capacidade de decidir e condenan a dureza das sentenzas e a represión policial (lembremos que vota máis xente a prol da independencia que os que se declaran nacionalistas). Busca construír unha maioría suficiente que non poda ser cuestionada como tal. O interrogante é: permitirase o debate en toda a súa amplitude? Aceptarase o carácter plurinacional do EE e blindaranse as competencias transferidas? 

Cataluña na vía do diálogo

Te puede interesar