A vergonza da Feira de Mostras (FIMO) e das instalacións do Sánchez de Aguilera

É un feito vergonzoso o que está a pasar coas instalacións da Feira Internacional de Mostras do Noroeste (FIMO), situadas nun lugar privilexiado de Ferrol como é a enseada da Malata, a moi pouca distancia do centro da cidade. Un recinto duns 50.000 metros cadrados de extensión entre superficie cuberta e descuberta, dous amplos auditorios, cinco pavillóns principais, variados locais e oficinas, cafetería e restaurante, piscina e instalacións deportivas, un Edificio de Usos Múltiples e un amplo aparcamento. Calquera cidade estaría orgullosa de dispor dun escenario amplo, axeitado e ben situado para a celebración de todo tipo de actividades empresariais, turísticas, culturais, deportivas e de lecer.   

A construción destas instalacións comezou o ano 1959, celebrándose a primeira Feira de Mostras o ano 1963, sendo a decana das existentes en Galicia e atinxindo a categoría internacional o ano 1986. Tempo atrás celebráronse na FIMO importantes certames do sector naval, a empresa, o automóbil, a pesca, a alimentación e diversas actividades de turismo e ocio, ademais de variados concertos e actuacións musicais.

Tras recibir múltiples axudas e subvencións e despois dunha pouco clarificada xestión pola parte dos seus últimos responsables e un escaso apoio do Concello e nulo da Xunta de Galicia (cecais Silleda ?), hoxe está a arrastrar a súa decadencia, sen levar a cabo ningunha clase de actividade, coas instalacións pechadas ou practicamente sen uso, moitas delas en mal estado, deterioradas e con problemas de mantemento. 

As instalacións da Feira de Mostras pasaron a ser propiedade do Concello de Ferrol desde o pasado ano 2015, sen que desde entón se fixera un mínimo Plan de Usos e Xestión das mesmas, a pesares que esta foi a petición dalgúns dos grupos interesados. Nesta petición contemplábanse usos deportivos, de ocio e empresariais, mesmo actividades de emprendedores e de innovación. Ata o momento actual todo continúa igual.   

O acuartelamento Sánchez de Aguilera e as súas instalacións chegaron a ocupar 95.000 metros cadrados de solo urbano ferrolán. Tivo unha longa historia desde que o ano 1884 se creou en Ferrol un Batallón de Artillería e a comezos do século XX se levantaron os pavillóns do cuartel, ata que o ano 2002 se disolveu definitivamente o Rexemento de Artillería Antiaérea que naquel intre ocupaba o acuartelamento.

Hoxe atópase paralizado o convenio que foi firmado entre o Concello de Ferrol e o Ministerio de Defensa sobre a cesión do acuartelamento, mentres que os edificios e instalacións de Sánchez de Aguilera sofren un continuo deterioro. As sucesivas corporacións municipais seguen sendo incapaces de chegar a un acordo para unha axeitada actuación nun espazo que hoxe se atopa ocupado por edificios ruinosos, coches abandonados e depósitos de chatarra.

Todo ese amplo espazo que ocupa o antigo cuartel permitiría artellar unha práctica conexión entre os barrios de Ferrol, unindo Canido con Catabois e o Inferniño, e unha axeitada actuación sobre a prevista estación intermodal de ferrocarril e de autobuses. Ademais poderíanse levar a cabo diferentes proxectos alí previstos: un amplo aparcamento público, a construción de vivendas, unha residencia universitaria, as necesarias prazas e zonas verdes, mesmo unha zona comercial e solo industrial, feito dentro dunha boa e acordada planificación.      

Todo iso deberíase facer co debido respecto á traza da muralla do século XVIII e os novos vestixios atopados. Tamén é necesario prever a continuidade do Baluarte do Infante como Arquivo Militar do Noroeste e a Casa do Coronel como Museo da Sociedade Galega de Historia Natural. Así mesmo cumpre estudar o feito de  manter o edificio principal do Cuartel de Aguilera, e mesmo algún dos pavillóns de tropa que aínda quedan, para usos residenciais e/ou sdministrativos.

A vergonza da Feira de Mostras (FIMO) e das instalacións do Sánchez de Aguilera

Te puede interesar