Os camiños de romería a san Andrés de Teixido. Ferrol na inopia

nha das riquezas patrimoniais de Ferrolterra é o Camiño Vello a San Andrés de Lonxe e os rutas de peregrinación ao santuario de San Andrés de Teixido, formando parte da memoria histórica dos veciños das comarcas de Ferrol e Ortegal. O Santuario de San Andrés atópase nun amplo promontorio dos agrestes cantís da costa atlántica dentro do concello de Cedeira, a 140 metros sobre o nivel do mar. Está arrodeado da serra da Capelada, espazo natural de rechamantes panorámicas, con solos de notable interese coa presenza de pedra serpentina e dunita, unha variada vexetación con flora endémica e abondosa fauna, incluíndo gando vacún e cabalar en liberdade.
Son dúas as principais rutas históricas que levan ao Santuario de San Andrés. A ruta seguida polos romeiros procedentes de Ferrol, o chamado Camiño Costeiro, parte da capela de Santa Comba de Covas, continúa polo monte da Lagoa, Pena Molexa, Santa Margarida do Val e o convento de Baltar. O Camiño Interior comeza no mosteiro de San Martiño de Xuvia, seguindo polo muíño das Aceñas, pazo de Libunca e Pena de Embade. Unidos os dous ramais en Sedes o Camiño continúa polo monte dos Nenos, San Pedro de Loira, capela da Fame, Porto do Cabo, San Roque de Reboredo e Cristo dos Carrís, ata chegar a San Andrés de Lonxe.
A devoción a San Andrés de Teixido foise transmitindo de xeración en xeración, facendo que unha romaría de remota orixe chegase ata os nosos días, mesturando, como residuo de antigos cultos anteriores ao Cristianismo, unha serie de lendas e devocións populares, tradicións pagás, ritos etnográficos, romances e cantigas populares, e relatos milenarios, todo iso enmarcado nun suxestivo entorno natural, que fornecen de interese a San Andrés de Lonxe. 
Forxouse así unha crecente peregrinación popular da que hai noticias no século XIV e que nos séculos XVII e XVIII rexistrou maior afluencia que Compostela, constituíndo unha permanente lembranza na memoria histórica dos veciños de Ferrol e Ortegal, unha cita inescusable para os galegos e unha referencia obrigada como santuario de amor e morte dentro da singular etnografía de Galicia. Ás lendas sobre San Andrés hai que engadir as coplas, cantigas da romaría, foliadas e antigos romances que lle acompañan.
Segundo informa a prensa os pasados días tiveron lugar no Auditorio municipal de Cedeira unhas deslabazadas xornadas presididas polo alcalde da vila, co obxecto de artellar este recurso cultural que conserva notables e variados elementos patrimoniais materias (capelas, pontes, cruceiros, amilladoiros, fontes), ritos relixiosos e elementos inmateriais (lendas, cantigas, costumes), ademais do propio camiño material, un conxunto necesitado dunha  axeitada protección e posta en valor.
A permanencia futura destes bens culturais e do propio medio natural, así como a divulgación e coñecemento da histórica ruta, esixen a creación dun axeitado Centro de Interpretación do Patrimonio, que debería ser complementado cunha Aula da Natureza, que recolla a riqueza natural da ruta. 
Con independencia da idoneidade e da oportunidade dalgunha das intervencións levadas a cabo durante as xornadas, como sempre cumpre salientar a ausencia dos representantes do Concello de Ferrol (Patrimonio, Cultura, Turismo), sempre na inopia, o mesmo que a nula presenza das facareñas asociacións culturais de Ferrol, nun tema que atinxe tan directamente a noso cidade. 
Non se debe esquecer que Xohana Torres o ano 1971 publicou o traballo titulado  titulado “San Andrés de Lonxe, mitos e ritos”, obra que resultou ganadora del Premio Federico Maciñeira de la Diputación de A Coruña. Noutro orde de cousas, nosos representantes municipais deberían coñecer que o pintor Bello Piñeiro deixou nas paredes da Sala de Conversas do Casino Ferrolano a mellor representación pictórica do Camiño Vello a Teixido.

Os camiños de romería a san Andrés de Teixido. Ferrol na inopia

Te puede interesar