Un ferrolán ilustre

Algo ten este Ferroliño noso que engancha e imprime caracter. Recibín estes días a visita do meu bo amigo, gran amigo de toda a vida, Jesús García Tomás que, a pesares de vivir en Madrid dende hai moitos anos, cada verán sinte a chamada da súa terra, do seu Ferrol de nacenza e achégase a nós para desfrutar duns días de recordos e de lecer.

Coñezo a Suso, Susiño como lle chamaba a súa nai, dende os tempos do Instituto Concepción Arenal, anos 50 do século pasado. Un gran rapaz, un home bo e un cerebro privilexiado. Unha vez rematado o Bacharelato, coas mellores notas, e a Reválida que se facía entón, trasladouse con dezasete anos a Madrid, co gallo de estudar a carreira de Telecomunicacións. Xa co título de enxeñeiro aos 23 anos, traballou en varias empresas, entre elas Olivetti e IBM en temas relacionados con Redes de Computadoras e Internet.

Hoxe en día está en posesión dos títulos de Dr Enxeñeiro de Telecomunicacións, Enxeñeiro Informático, profesor titular xubilado pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e xefe de estudos vicedecano da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Informáticos de Madrid (ETSII). Autor de varios libros técnicos, o titulado Alta Velocidad y Calidad de Servicio en Redes IP e o curso sobre MPLS, unha arquitectura sobre transmisión de datos, foron durante moitos anos consulta obrigada en Google sobre estes temas. Escribiu asemade infinidade de artigos en revistas especializadas e participou en multitude de Congresos tanto en España como no estranxeiro.

Por riba de todo o brevemente destacado ata aquí, aínda ten tempo de escribir novelas e de manterse atento ás diversas áreas do coñecemento. O seu último libro, El Océano y los Magnolios, publicado no ano 2018, fala da creación da Escola de Maquinistas da Armada en Ferrol, naqueles tempos de transición da vela ao vapor. Novela de ficción histórica con apaixonante historia de amor incluída, é un homenaxe, así o manifesta o autor, a tódalas persoas que contribuíron ao progreso acadando unha sociedade máis digna e máis xusta.

A pesares de tan amplo e brillante currículo, ou quizais precisamente por elo, Suso é un home dunha modestia e dunha sinxeleza abraiantes. Amantísimo pai de familia numerosa, muller, catro fillos e once netos é, ao meu xuízo, un dos bos e xenerosos dos que fala o himno galego. É unha honra gozar da súa amizade dende hai máis de setenta anos.

Abofé que o título de Ferrolán Ilustre que eu lle outorgo neste breve apunte, teno ben merecido.

Suso, dende esta atalaia que me brinda o Diario de Ferrol, aí vai unha aperta forte.

Un ferrolán ilustre

Te puede interesar