Odiar el delito...

"Y compadecer al delincuente”. Son verbas dunha moi ilustre ferrolá, traballadora incansable, que sentou no século XIX as bases para o feminismo en defensa da situación social e laboral das mulleres do seu tempo. Ela mesma para asistir as clases na Facultade de Dereito en Madrid, tiña que disfrazarse de home ata que foi descuberta e expulsada. Trátase de Concepción Arenal Ponte (Ferrol 1820 -Vigo 1890). Súa labor a prol dos máis desfavorecidos da fortuna, é coñecida e recoñecida no mundo enteiro. Segundo di Llorca Freire no seu libro Ferrolános, unha das mulleres máis brillantes que alumeou Ferrol en toda a súa historia.

Á vista do que está a pasar coa chamada violencia de xénero non é doado estar de acordo coas súas verbas. No ano 2018 morreron no noso país, vilmente asasinadas polos seus ex, corenta e sete mulleres. Neste 2019 que aínda non rematou van cincuenta e tres. Nun só día, onte, foron catro as asasinadas, tres na nosa comunidade e outra en Madrid. Todas elas en presenza de fillos e netos adolescentes.

Avogaba a nosa insigne polígrafa pola educación como solución á delincuencia. É súa a frase, “Abrid escuelas y se cerrarán cárceles”. Só a educación pode saír ao paso destas aberracións pero, si esta non abonda, sempre nos quedará a expresión latina procedente do dereito romano, “Lex Sed Dura Lex”, que quere dicir que a lei é dura, pero é a lei. Estamos asistindo, cada vez máis, a delitos flagrantes contra as mulleres, aí temos o caso da Manada que mesmo semella, pola reiteración, que está a crear escola. 

Que clase de pracer poden experimentar cinco energúmenos, violando a unha rapaza indefensa?. E por riba alardeando dilo na TV, con imaxes incluídas, da súa fazaña.

Outro caso, anque distinto, de actualidade hoxe, é o asasinato do neno Gabriel. Non serei eu quen defenda a acusada convicta e confesa pero si teño que dicir que os berros desaforados do fiscal que nos presentou a TV repetidas veces, facendo suposicións fóra de lugar sobre a futura conduta da acusada no caso improbable de quedar ceibe, non son de recibo. 

Ao meu xuízo, o seu é abuso de autoridade e debería ser razón dabondo para apartalo do caso.

Asi está o mundo. Recordade as verbas do gran Curros Enriquez (1851-1908), cando na súa obra “Mirando ó chau”, (Aires da miña terra,1880), denuncia crimes e inxustizas na sociedade do seu tempo e pon en boca de Deus a seguinte frase: “Se eu fixen tal mundo, que o demo me leve.”

A el excomungárono pero, polo que se ve, algunhas cousas pouco melloraron dende entón.

Odiar el delito...

Te puede interesar