Millóns a esgalla

ústame o fútbol ao que xoguei, de feito, cando era novo, como tódolos rapaces do meu tempo. Non tiñamos outro divertimento mellor ou máis barato, se non temos en conta os moitos pares de zapatos que estragamos coa súa práctica.
Moito cambiou este deporte ao longo dos anos, ata converterse no que é hoxe, un gran negocio que move millóns que se reparten directivos, xogadores, adestradores e outros intermediarios e aproveitados varios que cobran, co mínimo esforzo, cantidades indecentes de cartos. Vexamos:
Teño que recoñecer que é, sen dúbida, un gran futbolista, seica o mellor do mundo, mundial. Despois dunha morea de anos, disque deixa o equipo no que acadou sona e cartos, como digo, a esgalla. El saberá as verdadeiras razóns da súa espantada. A cousa é que xa hai media ducia de clubs dispostos a pagar centos de millóns pola súa fichaxe, a pesares de pasar ben dos trinta anos.
Non se me oculta que estes comentarios non acaerán ben a moita xente pero, aos meus anos así o penso e así o escribo: Non hai un so home no mundo que mereza amasar tantos cartos, e moito menos como é o caso, por darlle patadas, máis ou menos axeitadas, a un coiro. Paréceme inmoral, cando menos, nuns tempos como os que estamos a vivir. Hai que ter en conta que un traballador medio neste país, non é quen de acadar un millón de euros en toda a súa vida. Se non o creen, fagan contas que son moi sinxelas.
O seu club, despois dunha temporada para esquecer, a pesar dos cartos investidos, acaba de despedir ao adestrador para o que ten que pagar os anos que lle quedan de contrato, cousa duns poucos millóns de euros. Ao mesmo tempo ficha un novo adestrador, xunto cos seus axudantes, a base de poñer, máis millóns, enriba da mesa. Como podedes apreciar, o millón de euros é aquí a unidade de medida.
Estes tres futboleiros, ben sabedes dos que estou a falar, son estranxeiros o que quere dicir que os cartos saen voando do país e non volven. E non son catro cadelas precisamente.
A cousa aínda ten máis inri porque, nestes intres cos estadios baleiros por culpa da maldición do Coronavirus, e preto de catro millóns de parados, ¿de onde van saír os cartos para manter semellante disparate?.
Non hai outra solución que aplicar restricións draconianas, estritas e rigorosas as fichaxes destes chamados cracks.
Ultima hora.-Seica, despois do culebrón, non se vai e continúa no club dos seus amores, disque.

Millóns a esgalla

Te puede interesar