Meirás

Lin hai tres anos o libro con este título escrito por Carlos Babío Urquidi e Manuel Pérez Lorenzo. Nel, tratan da historia do pazo con este nome, que se estende ao longo de máis de tres séculos. A súa propietaria máis famosa Doña Emilia Pardo Bazán, escritora egrexia, adiantada ao seu tempo, estableceu alí o seu Sancta Santórum reunindo un verdadeiro tesouro composto por infinidade de obras de arte e unha importante biblioteca.

En plena guerra incivil, xurdiu por parte dos seus correlixionarios, a idea de buscarlle unha residencia de verán, un descanso do guerreiro, ao xeneral Franco que o recibiu disque como unha doazón do pobo galego. Alí pasou as súas vacacións durante os corenta anos que durou a súa ditadura. Ao longo de todos eles o mantemento, a mellora e a ampliación das instalacións, ordenadas e dirixidas pola muller do ditador, foron subvencionadas con fondos públicos. No ano 1976, dona Carmen sería nomeada Señora de Meirás polo rei Juan Carlos.

O pazo, cualificado actualmente como BIC (Ben de Interese Cultural) contén, por riba dos tesouros acumulados pola condesa de Pardo Bazán, unha inxente cantidade de regalos feitos ao ditador, de cuxa propiedade fanse acredores os seus descendentes que, segundo os xornais, tiñan disposta estes días, unha flota de cincuenta camións para o seu desaloxo. A petición da Avogacía do Estado, adiantándose a un, máis que anunciado espolio, estase a facer un inventario prohibíndose, como medida cautelar, mentres non se remate, a retirada de ningún ben do recinto do Pazo. Xa veremos como acaba a cousa, pero en calquera caso cincuenta camións, parécenme a min moitos camións.

O libro, de lectura obrigada, fala en máis de catrocentas páxinas dos orixes, da brillante traxectoria do pazo en vida da condesa, da dubidosa doazón e das reclamacións duns e doutros. Leva un subtitulo ben significativo “Un Pazo/un Caudillo/Un espolio e conta, polo miúdo, a verdade de como se fixeron as chamadas doazóns patrióticas, en plena incivil guerra. 

Contén asemade: Un prólogo asinado por Francisco Jorquera Caselas, presidente da Fundación Galiza Sempre. Limiar, a cargo de Abel López Soto, ex alcalde de Sada, promotor da declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural. O artigo titulado Botín de Guerra, por Manuel Monge, presidente da comisión para Recuperación da Memoria Histórica. Unha declaración de Juan Pérez Babío, neto de Josefa Portela expulsada cos seus fillos da casa que habitaban e 1938.

Meirás

Te puede interesar