viernes 7/8/20

Ferrol canibal

vivimos nunha Cidade complexa porque aínda que pareza mentira en Ferrol

vivimos nunha Cidade complexa porque aínda que pareza mentira en Ferrol faise e fálase de política. Por poñer algún exemplo en Vigo, o debate central o dirixe un Dinoseto ou un estadio de fútbol, en Santiago as fochancas serán lembradas durante tempo e na Coruña... ai! vivir na Coruña, que bonito é!
Así se explica que a diversidade de organizacións nesta Cidade sexa a maior do país ou que cada 4 anos mude o goberno e non por superficiais análises de falla de liderado de non sei exactamente que.
Aquí a pesar de que FeC e PSOE procuran con intensidade converter a cidade nun campo embarrado como no resto con fogo cruzado de mal gusto existen debates máis ou menos abertos respecto de temas fondamente políticos. 
Un convenio con Defensa que demostra que Ferrol é unha cidade colonial. A submisión a un suposto estado solidario que nos empaqueta as obras do saneamento e a súa xestión futura mentres consigna e contabiliza nos orzamentos do Estado 100M de euros para os ferroláns, que se nolos repartiran entre os 70.000 que somos serían máis rendibles que a construción do acceso Sur ao Porto Exterior. Ou cal será o futuro duns estaleiros aos que se lles prohibe fabricar barcos e que sobreviven a base de trucos financeiros. 
Nese lío anda tamén un PP delirante que cuestiona a labor dun goberno por tomar as mesmas decisións que tomaron eles no anterior mandato!
A este PP lle molesta todo. Semella que a Semana Santa só a poden subvencionar eles, hipotecar á Cidade con convenios de usura polo saneamento tamén, non gastar o diñeiro dos orzamentos con niveis de execución ridículos ou comportarse submisamente cos que teñen máis poder como os diferentes Ministerios sexan de Fomento, Defensa, Facenda ou a Xunta é un pracer sádico só reservado para os escollidos. E para o PP este goberno está desfrutando moito, demasiado, levando a esta Cidade á ruína.
Pero aínda que pareza mentira entre tanto balbordo e ruído hai máis esperanza nesta Cidade que no resto do país que segue adormecido a base de barbitúricos que lle subministran sen compaixón mesturándoos con Salsa Rosa en noites de Luar. Porque cando pase esta tempestade, cando recuperemos a calma, cando asumamos a nosa dura realidade, a alternativa non será cíclica por moito que o vaticinase os marxistas, nin será triste e baleira de esperanza como nos pretende inculcar un PP empeñado en dicirnos que só hai a súa opción. Chegado o momento, coa tranquilidade da sinceridade con nós mesmos, deixaremos de sentir frustración e aínda que a situación sexa difícil veremos o camiño limpo. Porque o bo de tocar fondo e que só podes ir cara arriba.

Comentarios