jueves 02.07.2020

Concepción Arenal soberanista

O pleno municipal desenvolvido con motivo do bicentenario do nacemento da escritora permitiu albiscar unha visión diferente dela por inclusiva, non precisamente ben acollida. Porque aínda que non recoñeceu os dereitos de Galiza, esta ferrolá defendeu o dereito de autodeterminación das nacións sen dúbidas. 

Que todos os pobos, incluso os nómades, teñen dereito á soberanía plena ou cualificar como profanadores de tumbas aos que aseguraban que o dereito á independencia das nacións remataba coa súa debilidade son afirmacións da escritora en ensaios como El derecho de las gentes. E isto é o excepcional do pensamento de Concepción Arenal. A capacidade para tecer os dereitos particulares cos xerais e establecer un nexo común e indisoluble entre eles, desde os dereitos da muller, pasando polos de clase até chegar aos dos pobos como construción social e humana. Que non recoñecese o dereito á soberanía do que ela denomina patria, Galiza, non é máis que unha circunstancia produto da súa vida e do contexto do momento no que o concepto político de nacionalismo era incipiente e que non anula o principal. Porque o fundamental é recoñecer o dereito, o outro é consubstancial á nosa existencia, se queremos.

Comentarios