jueves 22.08.2019

Bon Dios, axudaime

Berrei, berrei inda…Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra. E se bon Dios xamais escoitou os lamentos rosalianos que podemos agardar nós, fillos dun deus menor que adoramos como a becerro de ouro dun Estado totalmente indiferente coa realidade da nosa cidade, goberne quen goberne no epicentro do imperio? Porque consignar 45 millóns de euros que custou o saneamento como investimento na cidade cando o pagamos nós, destinar 100 millóns de euros para o acceso ferroviario ao Porto exterior mentres seguimos illados e illadas do resto do país, ou que as fragatas F-110 sexan a coartada para reducir o plantel de Navantia en máis dun 25% é unha tomadura de pelo consentida polos destinados a esparexer a divina palabra madrileña en terras ferrolás mentres discuten entre eles sobre quen é o mais demo no inferno. Entre tanto, España non paga impostos, confínanos ao gueto da construción militar e cárgase a nosa ría con novas e vellas barreiras artificiais como o Peirao Carboeiro ou o tren a Caneliñas. E quizais vai sendo hora de que pensemos que o que precisamos non é que o Estado nos bote unha man senón que máis ben nola quite do pescozo.

Bon Dios, axudaime
Comentarios