Auga vai!

Nas ordenanzas municipais de Cuenca do século XV proibiase botar augas limpas por portas e xanelas sen dar previamente os tres avisos de Auga vai!. Descoñezo se houvo ordenanza municipal semellante en Ferrol. 

O que si sei é que desde a praza da Ilustración chégame unha carta de Emafesa (esa empresa mixta que non o é) en pleno século XXI dunha ordenanza fiscal reguladora da taxa de depuración onde disque teño que pagar a auga vai correspondente a un período onde a auga ía como sempre, sen sanear. 

A auga é abondosa no universo, inclusiva na Terra onde cobre gran parte da súa superficie e é o maior constituínte dos fluídos dos seres vivos. Amais de ser un dereito universal cuxo acceso debe estar garantido a todos non pode ser mudado nunha mercadoría e menos para engordar a unha empresa multinacional. A saúde pública non pode estar en mans privadas e o suministro de auga potabel deve estar garantido polos Estados que para iso están. 

A cidadanía de Ferrol non deseñou unha rede de tanques de tormentas que mesturan as augas de chuvia coas fecais e fai que teñamos que pagar por sanear a auga que cae do ceo. Como se mesturamos a auga da cociña coa do wc e logo pagamos por depurala toda. 

Todos os expertos que asesoran ás plataformas cidadás na defensa dos servizos públicos e a remunicipalización coinciden en que deixar a xestión da auga en mans privadas non só encarece sobremaneira a tarifa a pagar polo usuario senón que encobre un negocio lobbístico que se presta a corruptelas moi difíciles de gañar xudicialmente pola cidadanía. Por iso moitos concellos están a remunicipalizar o servizo.

Porén Ferrol, esta cidade ilustrada, consente o saqueo e o calote da política de socamex-emafesa desde que comezou a súa xestión. E o governo Mato que prometía unha mesa de diálogo para tratar este longo conflicto, escurre o vulto coa mesma política continuista de deixar facer á parte privada de Emafesa.

Imos pagar por unha depuración pantasma? Non. Eu presento o recurso para a anulación da factura de saneamento. Ser cidadá dunha cidade ilustrada así mo reclama. 

E ti, vas pagar por un auga saneada que non se saneou?

Auga vai!

Te puede interesar