miércoles 21.08.2019

Que mulleres!

Dende sempre me resultou irritante escoitar falar frivolamente

Dende sempre me resultou irritante escoitar falar frivolamente da palabra valentía nos  desfiles de modelos de alta costura, cando unhas señoras enxoiadas, lucindo as súas mellores galas  e comodamente sentadas sobre amplas cadeiras,  ven desfilar sobre a alfombra vermella a unhas modelos que  coa mirada erguida locen deseños atrevidos, confeccionados  para a muller de hoxe, para a muller valente. 
É, sen dúbida, a banalización da palabra valentía. Explícome co que entendo por ese vocábulo agora que se vai dedicar o Día da Muller Traballadora a un grupo de mulleres de Ferrol e da súa contorna que tiveron un papel destacado e, practicamente silenciado ata hoxe, na loita antifranquista ou durante os lutuosos sucesos do 10 de Marzo de 1972. 
Falo das viúvas de Amador e Daniel, das compañeiras dos feridos, das que saíron ás rúas na concentración polo convenio da Bazán o día previo á carga mortífera da policía, das que lograron paralizar mercados e comercios na mañá do día 10, logo de coñecer a tremenda noticia dos disparos das forzas de orde público  sobre os traballadores que marchaban cara á estrada das Pías; das que abrían as súas casas para organizar xuntanzas clandestinas, das que gardaban e espallaban propaganda ilegal,  das que agochaban a perseguidos, das que sufriron en soidade a perda dalgún fillo mentres o seu home permanecía no cárcere, sen permitirlle tan sequera asistir ao enterro;  das que foron detidas e levadas á prisión da Coruña, das que foron multadas e represaliadas polo Tribunal de Orde Público e encausadas no chamado Proceso dos 23. 
Todo ese comportamento vai envolto da palabra valentía, pero valentía foi tamén soportar os rexistros policiais nos seus domicilios, a perda de traballo dos seus homes e dos seus fillos, o exilio co que pagaron o seu compromiso, a incomprensión social e o desprezo de veciños e ás veces dos propios familiares, o sacrificio de visitar periodicamente aos seus homes, privados de liberdade en diferentes cárceres do país, remover o ceo coa terra para ser escoitadas polas autoridades, e tamén do silencio da historiografía, incluído o escrito polos propios camaradas,  que ten publicado  moito sobre aqueles homes, pero moi pouco sobre o papel calado, resignado, solidario e valente dese grupo de mulleres. 
Para os niñatos da falsa esquerda que hoxe en día ignoran a loita antifranquista e  infravaloran o sacrificio que estas xentes aportaron á Transición e á conquista das liberdades convén lembrarlles o que foi a palabra valentía para esas mulleres que tiveron que poñerse a traballar porque os seus homes estaban no cárcere ou figuraban nas listas negras e non atopaban ocupación en ningunha empresa, para esas mulleres que sacaron a súa familia adiante, que soportaron as miradas de desprezo dos represores franquistas; e todo sen desquite, sen pedir nada a cambio, porque elas non aproveitaron a Transición para lucir medallas e apuntarse á carreira política, para medrar socialmente ou  para ascender economicamente. 
Todas seguen igual, soportando coa súa enteireza e modestia o silencio e incomprensión de tantos anos, ocultas ata hoxe polo anonimato, pois, cantas  persoas coñecen polos seus nomes e apelidos a esas mulleres que tamén foron protagonistas da Historia? Visualizar os seus rostros e revelar á luz pública os seus nomes  será un acto de xustiza. 
Por iso os meus parabéns para a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Muller, promotora  do acto institucional que o vindeiro 7 de marzo se vai celebrar no teatro Jofre. Ese día si que saberemos o que significa a palabra valentía, dignificada por esas mulleres.

Que mulleres!
Comentarios