O veleiro Galatea. Vinte e cinco anos de ausencia

O pasado 2018 cumpríronse vinte e cinco anos do traslado do antigo veleiro da Armada Galatea á cidade de Glasgow, trala súa adquisición en xuño de 1992 nunha poxa pública por un estaleiro da súa cidade de orixe. Despois dunha completa restauración, foi rebautizado co seu nome de orixe Glenlee e quedou atracado na devandita localidade escocesa no verán do ano 1999 como buque museo. Deste xeito perdeuse para Ferrol un veleiro que na súa longa traxectoria na Armada, pasou máis de cincuenta anos baseado en Ferrol, sendo centenares os mariños ferroláns que lembran o seu destino a bordo do Galatea. 
En moitos portos de mar é habitual como lembranza histórica a presenza nos seus peiraos e portos de buques que se atopan fora de servizo. A propia historia destes buques, a beleza das súas formas, o seu vencello coa cidade, o simbolismo que encerran e o atractivo que en xeral garda todo o que atinxe ao mar, están entre as diferentes causas desta presenza. 
Este é o caso de varios buques de vela, moitas veces restaurados, e mesmo aprestados para navegar. Así temos o navío inglés Victory, conservado como museo desde o ano 1922 no porto inglés de Portsmouth; a fragata americana do século XVIII Constitution, atracada desde o ano 1907 no porto americano de Boston; ou o clipper Cutty Shark, tamén conservado como museo desde o ano 1954 no porto británico de Greenwich. Incluso un veleiro do século XVII, o galeón Vasa, afundido o mesmo día da súa botadura por mor dun exceso de peso engadido, unha vez reflotado, consérvase como museo no porto de Estocolmo. 
Como exemplos coñecidos de buques de casco de aceiro e propulsión mecánica, conservados como museos en diferentes países, están o cruceiro Belfast, atracado no río Támesis de Londres, o portaavións Intrepid, na ribeira do río Hudson en New York ou o acoirazado Missouri atracado en Pearl Harbour, así como submarinos e mesmo buques mercantes que se poden ver en diferentes espazos marítimos. 
Máis recente é o caso do moderno submarino Delfín, botado en Cartagena e entregado á Armada en decembro de 1974. Trala súa baixa despois de case 30 años de servizo, o submarino foi cedido en febreiro de 2004 á cidade alicantina de Torrevieja, que no seu intre lle entregara a bandeira de combate. Deste xeito o submarino Delfín quedou atracado no porto de Torrevieja, sendo o primeiro buque de guerra español transformado nun museo flotante, converténdose nun atractivo turístico e cultural da cidade.
Como contraste cos exemplos anteriores, o veleiro Galatea, buque escola da Armada con aparello de bricbarca ou goleta de tres paus, ligado durante máis de cincuenta anos a Ferrol e ao seu Arsenal, a pesares dos esforzos dalgunhas persoas e asociacións desta cidade, desde o ano 1993 atópase fora de España, atracado no porto de Glasgow despois de case cen anos da súa botadura, restaurado e adaptado como museo. Tan só o mascarón de proa do veleiro consérvase hoxe exposto na Estación Naval da Graña. 
Ferrol non perdeu soamente o veleiro Galatea, se non que foi incapaz de conservar como lembranza histórica e como recurso turístico algún dos moitos buques que estiveron vencellados dalgún xeito á historia da cidade. Temos como exemplos os casos do cruceiro Canarias, a fragata Baleares, o portaavións Príncipe de Asturias e incluso o iate Azor.

O veleiro Galatea. Vinte e cinco anos de ausencia

Te puede interesar