A Magdalena, Esteiro e Ferrol Vello. A memoria histórica dos barrios da cidade

Ahistoria de Ferrol e o seu Patrimonio Cultural non se pode entender sen coñecer a memoria histórica dos seus barrios. Cada vez é maior o interese no estudo da historia local, dado que o coñecemento do pasado enriquece o presente e permite que o futuro coñeza as súas raíces. Os estudios locais teñen ademais unha acción positiva sobre o Patrimonio Cultural, posto que permiten catalogar este patrimonio, como paso previo a súa protección e difusión. 

Ferrol é un caso singular de urbe racional, creada no século XVIII arredor do Arsenal Militar pola construción dos barrios de nova planta da Magdalena e de Esteiro. Ámbolos dous barrios únense por unha Alameda co barrio medieval de Ferrol Vello, dedicado á pesca e á salgadura, mentres que no alto da cidade atópase o barrio histórico de Canido, dedicado á agricultura. 

A editorial ferrolá Embora, consciente da importancia do coñecemento da memoria histórica destes barrios ferroláns, desde o ano 2015 está a editar unha serie de publicacións sobre os mesmos. Ata de agora editaron as publicacións sobre Ferrol Vello, Esteiro e A Magdalena, estando pendente neste mes unha publicación sobre o barrio de Canido. Os historiadores locais Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa coordinan as diferentes colaboracións de coñecidos estudosos da historia local.

Na primeira das publicacións “Homenaxe a Ferrol Vello” faise un percorrido pola historia do barrio, a antiga igrexa parroquial de San Xulián, o Pazo da Mercede, a identidade das súas rúas e prazas, as súas festas e tradicións, as instalacións portuarias, as súas lanchas e embarcacións, o estudo dos seus topónimos, o seu Patrimonio Industrial, o sindicalismo e a cultura do traballo, e polo pasado, presente e futuro urbanístico do barrio. 

Ao longo das 250 páxinas da publicación, Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa percorren a historia e o patrimonio de Ferrol Vello, acompañados dunha serie de coñecedores do barrio ferrolán: Rosa Méndez, Pilar Blanco, Ana Martín, Alfredo Alcalá, Jorge Deza, Fernando Dopico, Justino F. Negral, Eliseo Fernández, Bernardo Máiz, Alberto Moreno-Bermúdez, Álvaro Porto e Juan A. Rodríguez-Villasante. 

Na segunda das publicacións “Memoria histórica do barrio de Esteiro” estúdase a construción do cadro e o barrio de Esteiro, a transición do estaleiro da Coroa ata a empresa Navantia, o Cuartel de Batallóns e o Hospital Real de Esteiro, as igrexas e capelas do barrio, as zonas verdes históricas e a súa escultura pública, a orixe do topónimo, a memoria obreira, a prostitución no barrio, tradición musical e o deporte.
Na publicación, de 332 páxinas, ademais dos traballos dos coordinadores da mesma, aparecen as colaboracións de Alfredo Vigo José M. Blanco, José M. García-de Juan, Juan A. Rodríguez-Villasante, Carmen Perales, Mercedes Ínsua, Margarita Sánchez, María José Leira, Pedro J. González, Álvaro Porto, Eliseo Fernández, Pedro Blancollano, Jorge Deza e Siro López.

Na terceira destas obras “Memoria histórica do barrio da Magdalena” aparecen ata vinte (20) traballos, en galego e en castelán, de historiadores e historiadoras, coñecedores do barrio, desta rolda incorporando o libro un prólogo de Jorge Suárez, alcalde da cidade.

Nas 360 páxinas do libro temos os traballos sobre o urbanismo da Magdalena, San Xiao e os templos do barrio, a Alameda e os espazos públicos, o Teatro Jofre e os teatros, a heráldica e a toponimia do barrio, os establecementos comerciais, a poboación e a sociedade do barrio, as asociacións culturais e recreativas, desde o Ateneo Ferrolán ata o Casino Ferrolano, os monumentos do barrio, os cines e o deporte. 

Entre os escritores que colaboran nos vinte catro (24) variados traballos, cumpre citar a Eva Ocampo, Carlos de Aracil, Alfredo Martín, Carmen Porta Xaime López, Vicente Araguas, Aurora Vázquez, Juan Malvar, Jorge M. Deza, ademais doutros autores que colaboraron nas anteriores publicacións e dos traballos dos coordinadores da obra, Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa. 

As capas das tres publicacións están ilustradas por coñecidos pintores da cidade: Juan Rodríguez Soto, Rafael Romero e Jorge Llorca. Do mesmo xeito, nas páxinas destes libros aparecen os debuxos e gravados de Julio Ferrin e Francisco Oca, que amosan os lugares emblemáticos dos tres barrios. 

Na próxima Feira do Libro a editorial Embora ten previsto presentar unha similar publicación que contempla os aspectos históricos, artísticos e etnográficos do cuarto barrio ferrolán, o barrio alto de Canido. 

A Magdalena, Esteiro e Ferrol Vello. A memoria histórica dos barrios da cidade

Te puede interesar