Sábado 23.03.2019

De muros e utopías

Hai muros máis altos que a pretendida valla de Trump. Son aqueles muros que teñen que ver coa incomprensión, a indiferenza e a inacción fronte a tanta impotencia e inxustiza. Os que simbolizan a perda de dereitos e a falla de compromiso co acadado tras tanto esforzo e tantas loitas. Vivimos en sociedades asimétricas e erráticas, onde moitas veces hai un sentimento de perda das sinais de identidade, que teñen moito que ver cos baleiros deixados polos liderados excesivamente marcados.
Máis que continuidade na defensa de valores e ideoloxías tras a creación das novas executivas e órganos de dirección, semella que aplicasen a teoría do borrón e conta nova. Á menor formación e experiencia correspóndelle directamente unha maior dose de populismo e inflexibles dogmatismos. A radicalidade dos novos discursos esperta os sentimentos aletargados dunha parte da sociedade que añoran os principios das desigualdades e da man de ferro.
Aqueles que prefiren a imposición ao esforzo intelectual do debate. Ante o risco de non poder asumir o poder en Andalucía, o PP está na fase de branquear, a calquera prezo, os posicionamentos inaceptables de Vox. Un acordo a tres con só dous na foto.
Combinacións de tres elementos tomados de dous en dous. Difícil conxugación. Pretenden facernos crer que poden moderar estes principios e desactivalos, coa precisión duns hábiles artificieiros. Xusto o que nin son, nin foron nunca. Empeza un tempo distinto, no que terán que despexarse demasiadas incógnitas. Será un tempo novo, pero teño para min, que non será un tempo mellor.
Invádeme de abrazos –díxolle El con melura– que un xeado inverno avanza posicións nos meus sentidos, e preciso o latexo cálido e suave dos teus beizos...Rodéame de mornas estrelas acesas... que anoitece...

De muros e utopías
Comentarios