Lago Rivera

agalería La Marina-José Lorenzo ofrece a mostra “Evolución”, que recolle 25 obras do grande pintor Lago Rivera (A Coruña 1916- París 1990), entre as que hai algúns inéditos dos anos 40 e 50; é un percorrido que, non por breve, deixa de acreditar da súa mestría plástica e delicada sensibilidade. Abre a exposición un retrato, de 1945, de Mercedes Goicoa, mui noviña, que aparece en actitude serena e reconcentrata, no que xa se pode albiscar a tendencia á simplicidade formal, que virá a ser unha das características da súa pintura.
“Mazáns” de 1947 funde bodegón e paisaxe de mar, onde, máis que a representatividade, o que interesa é a poética dos espazos azuis, tan presentes no se quefacer daqueles anos. Tamén do 47 é o cadro “No zoo” que responde a etapa chamada maxicista, na que recolle, en cores vivas, esceas e paisaxes da realidade, especialmente a galega, transfigurándoas en ámbitos de ensoño, que lembran o imaxinario infantil e que revelan un idílico mundo de inocencia orixinaria. “Muller e pomba”, de 1950, presenta unha figura esquemática que ergue os brazos en arco cara o ceo, no que voa unha grande pomba branca; o cadro devén así símbolo dese anceio de atinguir a inocencia.
O mundo como camiño aparece no cadro que ten por letreiro e guía de camiñantes “A pomba”, unha escea ao mesmo tempo doce e dramática, na que tres humildes persoaxes do pobo van cara o anceiado lar acolledor . Varios paisaxes da década do 70 dan fe desa exquisita etapa súa dos grises evanescentes, na que todo parece levedar como envolto en agarimantes brétemas e veladuras aéreas, como si estivese a punto de desdebuxarse.
É unha etapa absolutamente misteriosa, case mística, na que máis que pintar a realidade exterior, pinta as decantadas ensoñacións do seu interior, cun lirismo de horizontes perdidos e atemporalidades; o exemplo máis notable é o cadro “Tres figuras”, na que tres mulleres, case sombras de chumbo, érguense espidas e como atrapadas entre un arco de escuras rochas, mentres esculcan a deslumbradora luz blanqui-rosada que tingue un alto nubeiro.
Na mesma liña de idealización, de luz difuminada, de atmósferas respiradas, de místico silenzo e de case a-espacialidade estarían os bodegóns Patacas e Floreiro. O máxico mundo das viaxes en tren de vapor queda recollido en “Locomotora”, de 1988, que resume o seu espíritu ensoñador e saudoso de infancias. Ironía e o humor, un tanto na liña do seu admirado Grosz, son visibles en “Home deitado” e “Muller con flores”.
A súa é pintura do esencial, case desrealizada, na que seres e paisaxes adelgázanse ata adquirir unha lixereza aérea, unha levedade sutil, anxélica, como recollen os versos de M. González Garcés: “... aireciña que esvaece no nacre/ dunha bris azulada...”. Lago Rivera enxerga o mundo con ollada limpa, inocente ou máis ben o que pinta son os seus anceios de limpar a borralla e a fealdade do mundo, para deixar a luz mais doce, a luz que non fire, a que esborrexe pola pel das criaturas e do espazo agarimándoas.

Lago Rivera

Te puede interesar