Viaqua e Igaxes renovan a súa alianza para apoiar o talento xuvenil en situación de vulnerabilidade

En virtude deste convenio, Viaqua financiará e coordinará o programa de bolsas, mentres que Igaxes asumirá o acompañamento pedagóxico e psicosocial das persoas seleccionadas
Viaqua e Igaxes renovan a súa alianza para apoiar o talento xuvenil en situación de vulnerabilidade
Sinatura do convenio

Viaqua, empresa galega líder na xestión sostible da auga, e a entidade social Igaxes veñen de renovar o seu convenio de colaboración para impulsar as bolsas sociais ‘Talento Profesional’ e ‘Talento Mozo’, iniciativas impulsadas para fomentar a igualdade de oportunidades e o acceso á formación e ao emprego entre a mocidade en situación de vulnerabilidade.

 

O novo acordo, asinado o 17 de xullo de 2025, consolida a alianza entre ambas entidades logo dos bos resultados obtidos nas convocatorias anteriores. A renovación reafirma o compromiso compartido por promover un futuro máis equitativo e sostible para a xuventude galega.

 

En virtude deste convenio, Viaqua financiará e coordinará o programa de bolsas, mentres que Igaxes asumirá o acompañamento pedagóxico e psicosocial das persoas seleccionadas. Durante todo o curso académico 2025-2026, Igaxes realizará un seguimento personalizado de cada persona beneficiada, tanto a nivel académico como emocional, e manterá contacto coas súas familias para asegurar o máximo aproveitamento das axudas concedidas.

 

Ademais do seguimento mensual e da orientación individualizada, Igaxes participará tamén no proceso de preselección e valoración das candidaturas, elaborará informes de progreso e colaborará estreitamente co equipo de Acción Social de Viaqua para garantir unha intervención coordinada.

 

“Desde Viaqua cremos firmemente que o talento non debe depender das circunstancias de nacemento. Renovar este acordo con IGAXES permítenos seguir derrubando barreiras e contribuír activamente á construción dunha sociedade máis xusta e cohesionada”, declarou Nicolás Esmorís, director executivo de Viaqua.

 

“O éxito da primeira edición demóstranos que cando se pon no centro ás persoas, especialmente ás máis novas, o impacto é real e transformador”.

Esta iniciativa busca acompañar no percorrido académico e profesional de mozos e mozas con potencial, ofrecéndolles non só apoio económico, senón tamén o soporte humano e técnico necesario para desenvolver todo o seu talento.

 

“Para Igaxes, poñer á persoa no centro non é un lema: é unha maneira de traballar. Sabemos que moitos mozos e mozas parten con desvantaxe, e por iso precisamos camiños que garantan a equidade educativa e o acceso real ás mesmas oportunidades”, sinala Carlos Rosón, director de Igaxes. “A renovación deste convenio con Viaqua é unha boa nova: significa máis bolsas, máis oportunidades e máis futuro para un colectivo que adoita quedar fóra.”

 

Con esta nova edición, Viaqua e Igaxes queren seguir ofrecendo unha oportunidade real a quen máis o precisa, apostando por un modelo de intervención que pon no centro o potencial da mocidade e reforza a súa capacidade para construír un futuro digno e autónomo. A segunda convocatoria das bolsas Talento Mozo permanecerá aberta ata o 30 de setembro de 2025 e poden consultarse as bases na páxina web de Viaqua.

Viaqua e Igaxes renovan a súa alianza para apoiar o talento xuvenil en situación de vulnerabilidade

Te puede interesar