Unha vez rematado o ano académico, as escolas culturais do Concello de San Sadurniño tamén dan por finalizado o seu curso para gozar da pausa do verán. Arredor de 70 persoas que reciben clases de música moderna, pandeireta, baile tradicional e gaita ofrecen un festival que se clausurará mañá, ás 19.00 horas, nos xardíns municipais.
Segundo se presupón por anteriores espectáculos celebrados polas escolas, como ocorreu no concerto de Nadal ou no peche do ano pasado, aos asistentes faráselles difícil non erguerse dos seus asentos para botar a bailar.
A cita comezará coa actuación da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene. Trátase dun grupo integrado por artistas como Leandro Lamas, Carlos Mosquera “Mos”, Silvia Casal ou Xosé Manuel Felpeto, entre outros, que ofrecen versións de grandes éxitos aos que lles cambian a letra para facelos máis humorísticos e, sobre todo, máis “do país”.
Arredor das 19.45 está previsto que comecen as escolas de baile tradicional, pandeireta e gaita. Cada grupo terá uns dez minutos para mostrar o que estivo preparando, cunha combinación de actuacións por separado e outras conxuntas.
Ao remate serviranse uns petiscos, aos que tamén están convidadas as preto de 30 persoas dos grupos de ximnasia de mantemento de Lamas, Igrexafeita, Naraío e Santa Mariña do Monte. En caso de mal tempo, moveríase todo o evento para o local social de Lamas.