Durante todo o mes de agosto, a sala de exposicións do claustro do Concello de Ortigueira amosa o máis de medio cento de obras pictóricas de diferentes etapas, estilos e temáticas elaboradas por Tomás Caula. Este mesmo domingo é un dos días idóneos para visitala no caso de querer aproveitar por partida dobre o desprazamento, xa que neste mesmo escenario emblemático actuará Cantigas e Agarimos, ás 20.00, dentro do ciclo promovido pola Xunta “Danza 3”.
Entre as 21 actuacións do programa, que leva por toda Galicia a música e baile tradicionais por medio de tres agrupacións, este é o único espectáculo previsto nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O Concello de Ortigueira inclúe este concerto no cartel dos Sons no Claustro, unha iniciativa que se leva a cabo os domingos de agosto e, en caso de choiva, trasládase ao Teatro da Beneficencia. Os seguintes serán The Duellist e Ton Risco e Marcos Teira.
O conxunto das 54 obras en total que se exhiben no espazo municipal, nas que está sempre presente a terra de Ortigueira, a súa música e arquitectura, que asina Tomás Caula, poderase visitar de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e os domingos de 18.00 a 21.00.
A selección está integrada por pinturas e debuxos nos que, segundo indica o propio autor, “en realidad, me expongo, con la finalidad de compartir con los visitantes todo ese mundo interior”, despois de arredor de 15 anos “buscando mejorar la expresión artística” que vai cambiando co tempo.