Agora non hai unha oposición, como no mandato anterior, que poida tumbar as iniciativas do grupo de goberno, grazas á súa maioría absoluta. Pero, a propaganda non soluciona os problemas cotiás da cidadanía ferrolá. Nin tampouco o anuncio da reurbanización de grandes áreas como a do Sánchez Aguilera que, no mellor dos casos, comezará coa vindeira convocatoria electoral municipal. Este verán vimos como se anunciaba unha suba impresionante dos prezos da vivenda, tanto para a compra como para alugueiro. Dende Canido alertaban de que veciños de toda a vida están a marchar, producindo iso que algúns levamos tempo alertando e que se chama xentrificación. Palabra que non forma parte do vocabulario político local. Mentres, hai estudantes que están a pagar oitocentos euros por unha habitación individual en Ferrol, tal como recollía este xornal, ou vemos como se revenden inmobles da Sareb –pagada por todos para salvar á banca– a prezos desorbitados. Os únicos proxectos de vivenda alcanzable son anuncios do ministerio de Vivenda, pero que tardarán en ser realidade tanxible. E cal é o aporte das vivendas turísticas? Onde están os seus ocupantes, cun centro da cidade baleiro de turistas neste mes de xullo?