Hai poucos días que faleceu Mariano Haro, un dos corredores de fondo que máis me teñen deleitado, pola televisión, pois nunca tiven o pracer de velo correr en vivo e en directo, como si puiden facer cos dous grandes rivais seus en España: Francisco Aritmendi e Fernando Aguilar.
Carlos Arribas, no obituario que publicou El Pais -”Muere Mariano Haro, el “Lazarillo de Tormes del atletismo”- recolle unhas declaracións que o grande corredor de fondo efectuara cando se enterara doutras nas que o finés Lasse Viren -o vencedor dos 10.000 m. da Olimpiada de Munich 72, onde Haro quedara 4º-, manifestara que para estar en plena forma recorrera ás autotransfusións, daquela non prohibidas. “Él iba con gasolina súper. Yo me preparaba solo con chorizo, los cocidos de mi madre, y vino”, dixera o de Becerril de Campos. O do viño, que dicía Haro, tróuxome curiosos recordos infanto-xuvenís. Os días 24 e 25 de xuño de 1965 -sábado e domingo, que era Ano Santo- celebráronse no estadio de Riazor as probas do “IX Gran Premio Internacional Ciudad de La Coruña” de atletismo. Tiveron lugar ás 8 da tarde, polo que boa parte delas desenvolvéronse con luz artificial, algo novidoso para min, xa que o noso estadio do Inferniño carecía de tal artiluxio. A entrada era libre e gratuíta, agás en tibuna, á que había que acceder con invitación. Imaxes de xornal e a miña memoria, bastante clara, dinme que houbera xente a esgalla. A competición dese ano presentaba algúns feitos destacados. Por un lado estaba a presenza dun grupo de atletas norteamericanos de primeiro nivel, que ían a Grecia para desputar os campionatos mundiais militares, tales como Drayton, campión e recordman olímpico de 4x100 e medalla de prata en 200 en Tokio 64; Pender, finalista en Tokio; ... Ao tempo, tratábase do primeiro criterium feminino que se celebraba en pista en España, coa participación das mellores especialistas españolas. Había, ademais, unha chea de atletas masculinos españois de grande altura, case todos campións ou recordmen de España: corredores como Carlos Pérez, González del Amo, Tomás Barris, o noso paisano Manolo Porta ou os citados Aguilar e Aritmendi; saltadores de lonxitude como Suárez de Centi ou de altura como Garriga; lanzadores de martelo como José Otero Alfaya ou José Luís Martínez, etc. Tamén houbo unha proba de 1.000 m infantil na que tiven a honra de participar. Estivemos aloxados nas magníficas instalacións da Universidade Laboral, inaugurada había pouco. No xantar do segundo día, no que me tocaba correr, coincidín ao lado de Aritmendi, que era o meu ídolo do fondo español: o ano anterior gañara o Cross das Nacións, o equivalente ao campionato do mundo de campo a través naquela altura, participara nos Xogos Olímpicos de Tokio 64,... Na mesa poñían viño, bebida que nunca probara. Tiña 14 anos e na miña casa non bebía ninguén. Mais, cando Aritmendi colleu a garrafa e me preguntou se me botaba díxenlle que si. Se el, o meu admirado campión, bebía, por que non ía facelo eu? E tomei un par de vasos. Menudo lío. Mareeime, vomitei, non tiña máis que sede e quedei en malas condicións para correr. Ao chegar ao estadio merquei unha Coca-Cola que me acompañou, facendo clo clo clo, toda a carreira. Mais, como o nivel dos participantes era altísimo, leváronme a facer a mellor marca da miña vida. Puido ser mellor, mais as circunstancias... Eu non era Haro. Nin Aritmendi.