O que vai arder

O que arde, foi título dun filme dramático en galego, feito tres ano atrás, que deu ao seu director, Óliver Laxe, unha boa presa de premios, galardóns e recoñecemento público para unha modesta produción coa que construíu unha potente metáfora, acentuada coa forza plástica das imaxes, desa problemática do mundo rural galego, que vive nunha endémica ameaza de extinción, e da relación que existe coa vaga de incendios que multiplican os efectos da desfeita ecolóxica.


Á vista das temperaturas que veñen condicionando a meteoroloxía nos últimos meses, coa patente ausencia de chuvia en cifras de alerta para os valores medios deste período anual, o título muda a futuro e toma inquedanza, temor e vaticinio de porvir. Un tempo próximo que será, mágoa diso, novamente caldo de cultivo para que vexamos ao noso redor o poder das chamas dese lume temíbel que traen os incendios forestais. Lembremos, senón, o ambiente de seca que precedeu á catástrofe medioambiental na vaga de 2006, presente na memoria colectiva pola traxedia que soportou o país naqueles días de verán no que chegou a haber máis de cento cincuenta incendios á vez que, aínda sendo provocados en varios casos por man delituosa, na súa gran parte foron por condicións que aínda persisten: Un monte infestado de eucaliptos e outra especie pirofóricas, unha política forestal nefasta e unha seca inaudita. Gasolina explosiva que, de xeito similar, se repetiu nos primeiro días de outubro de 2017, nun mes gravemente cálido e seco, falto de precipitacións, que novamente trouxo traxedia, catástrofe medioambiental e morte de persoas.


Cousa moi preocupante que tamén está na documentación que vai servir ao debate da Asemblea de Medio Ambiente da ONU, a celebrar nos próximos días, coa base no informe “Estendéndose como un regueiro de pólvora: A crecente ameza de incendios extraordinarios no medio natural” que advirte do empeoramento dos incendios forestais e anticipa un aumento global dos de natureza extrema con situacións incontrolables e devastadores para persoas, diversidade biolóxica e os ecosistemas. Máis aínda, multiplican os gases de efecto invernadoiro atmosféricos.


Calculando que de seguir así, o aumento será imparábel, faise un chamamento urxente aos gobernos para que reconsideren o seu enfoque dos incendios, pedindo a execución da que chaman “Fórmula preparada para o lume”, recoñecendo o importante papel da restauración dos ecosistemas e o labor activo das Comunidades de Montes en Man Común nese rol. É bo camiño.

O que vai arder

Te puede interesar