Escribo esta “Mirada” logo de rematar esa interesada, que non interesante, posta en escena dunha sesión de investidura abocada ao fracaso que parafraseando a Nicolás Sartorious poderíamos chamar “desvestidura”. Como cidadán sinto preocupación por cómo se están a desenvolver os acontecementos e por cómo algúns interpretan a historia.
Haberá que insistir con porfiada reiteración que estamos nun sistema parlamentar, non presidencialista, e ao presidente do goberno non o elixe a cidadanía senón os deputados electos do Paramento. Así de sinxelo malia que a algúns lles custa entendelo e seguen coa cantinela do trunfo electoral. Ter máis deputados non é ter maioría así que haberá que consensuar e negociar con outras formacións que sempre, claro, quererán compensacións. Feijóo non contou con máis apoios que os de Vox, UPN e CC. Un entende que a dereita senta nostalxia dunha España derivada do antigo réxime pero aínda non se decataron que España é plural e diversa e con esa pluralidade é coa que hai que contar. Non hai gobernanza posible en democrácia se non asumimos esa heteroxeneidade. E á hora de negociar e conceder todos entraron nesa premisa. Cren vostedes que Aznar desexaba rematar cos gobernadores civís? Cren que Aznar “motu própio” decidíu ceder o 30% do IRPF as Comunidades, antes no 15%? cren que realmente Aznar falaba catalán na intimidade? Non, foi por contentar a Jordi Puyol, un nacionalista ao que necesitaba para ser investido no ano 1996 e non dubidou nas concesións. Por iso é tan necesario repasar a historia e poñer orde na memoria.
Tamén se rasgan as vestiduras con iso da amnistía e convén de novo recorrer á historia pois en 1977 houbo unha lei de amnistía da que se beneficiou xente incursa en delictos de sangue (ETA) e tortura (funcionarios do antigo Réxime) co gallo de iren na procura dunha reconciliación nacional. Foi aquela amnistía un piar da “sacrosanta” Transición. Resulta que agora Feijóo que fala de ver como encaixar Catalunia en España arremete furibundamente co encaixe da amnistía na Constitución. Non convén tampouco esquecer (outra vez a historia) que foi coa represión cando máis creceu o separatismo. Os cabecillas do chamado “procés” foron xulgados e encadeados malia que despois se beneficiaron dun indulto. Aplicar unha amnistía a preto de 3.000 persoas (directores de colexios, mossos de escuadra, e moitos voluntarios incluído un expresidente fuxido) que estarían pendentes de seren xulgados polo acontecido en Catalunia en 2017 non creo que fose algo descabelado dados os antecedentes. Pero claro, alporizarse polo que outros intentan facer esquecendo o que outrora fixemos non parece que sexa moi coherente o mesmo que a montaxe no Parlamento dun fracaso anunciado.