Expresións como ‘calamidade climática’, ‘puntos de non retorno’, ‘emerxencia planetaria’ píntannos un negro horizonte que nos obriga a cambiar radicalmente as nosas dinámicas e a forma de cohabitar coa natureza; porque salvar ao planeta é salvarnos a nós mesmos. Aínda así, dúas outras están a petar na porta da RAG para incorporar ao dicionario da lingua galega: Ecoansiedade e socioecoloxía; economía lingüística coa contracción de palabras encadeadas que veñen moi á cerna dunha perentoria reflexión sobre necesidade de poñernos fronte do espello de nós mesmos, nun momento histórico marcado por pandemias, guerras, catástrofes naturais e outras calamidades.
Velaí, no seu último informe, o panel de expertos sobre cambio climático da ONU alerta da urxencia de actuar de maneira inmediata para frear o cambio climático que xa é emerxencia. E o que nos confirman é que se perdeu moito tempo para facer fronte a esta situación. Agora xa non hai tempo para demoras nin lugar para escusas que impidan afrontar os desafíos ambientais globais.
Por iso, a gran transformación ecolóxica e social que a humanidade necesita agora implica unha serie de transicións de sustentabilidade, cuxas evolucións dependen da capacidade de xestión das emerxencias e situacións críticas que se van presentando, pero dentro dun contexto de emerxencia planetaria que ten clara visibilidade pola crise climático-ambiental. Nesta era, requírese un cambio substancial do sistema económico para transitar cara a patróns de produción e consumo sostibles, fortes e equitativos coa finalidade de que poidan satisfacer as necesidades humanas e manter o equilibrio ecolóxico. Para aspirar a modelos de progreso sostible hai que transformar as actuais formas de producir, consumir, vivir, traballar e cooperar buscando a evolución compartida coa biosfera. Os subsistemas básicos, como os de enerxía, materiais, alimentación, vivenda, mobilidade, están erroneamente deseñados para satisfacer determinadas necesidades nun ciclo continuo de consumo, crecemento e máximo beneficio, pero con escasa orientación ao ben común.
Por sorte, as sondaxes de opinión mostran preocupación social polos problemas relacionados coa emerxencia climática, a saúde e o medio ambiente. Ademais, aparece un novo fenómeno ligado non só ao maior coñecemento e conciencia social, senón que pasa de ser unha preocupación a algo máis grave que incumbe directamente á saúde mental das persoas e que se identifica coa ansiedade ecolóxica. Este é un trastorno que aflixe, en maior medida, á mocidade e á cidadanía máis sensible e máis activa en defensa da natureza. As causas desta situación hai buscalas máis na falta de acción dos responsables políticos, e nunha resposta gobernamental inadecuada, que xera sentimentos de traizón, abandono e frustración persoal.