Non sei se coñecedes a existencia dunha plataforma chamada Igrexa por un Traballo Decente (ITD) que congrega diferentes realidades eclesiais como Cáritas, a Irmandade Obreira Cristiá (HOAC), Manos Unidas, Acción Católica Xeral e a vida consagrada. Trátase dun movemento eclesial que busca chamar a atención da propia Igrexa e da sociedade sobre a importancia que o traballo xoga na vida das persoas. Un traballo que sexa sempre decente, é dicir, digno e acorde á dignidade de cada persoa. Desta maneira, a Igrexa posiciónase tamén no espazo do público facendo que a fe e o seguimento de Xesús se descubran na súa dimensión humanizadora. Crer non nos afasta do mundo nin nos separa del: axúdanos a melloralo e a comprometernos na súa transformación para ir edificando, no aquí e agora da nosa historia, o proxecto do Reino de Deus.
O sete de outubro celébrase anualmente o Día do Traballo Decente. É unha data que aos poucos vai tomando forza no movemento obreiro xunto ao Primeiro de Maio e outras semellantes. Son ocasións que nos levan a reflexionar sobre a realidade complexa do mundo do traballo nunhas circunstancias como as actuais que o transformaron radicalmente.
Este ano a iniciativa convídanos a poñer o foco na sinistralidade laboral como un factor que afecta moi negativamente na procura dun traballo decente. Sabemos que, por desgraza, aínda se producen numerosos accidentes laborais, moitos deles mortais. Sempre son demasiados e terribles para as familias e para os propios compañeiros que perciben a precariedade do seu traballo. Non podemos mirar para outro lado deixándonos levar pola indiferenza senón que, como Igrexa e sociedade, habemos de facer algo.
O papa Francisco ten un interesante discurso no que, comentando esta realidade, di o seguinte: “Isto ocorre cando o traballo se deshumaniza e, en lugar de ser o instrumento mediante o cal o ser humano se realiza poñéndose ao dispor da comunidade, convértese nunha exasperada carreira polo beneficio. As traxedias comezan cando o obxectivo xa non é o home, senón a produtividade, e o home convértese nunha máquina de produción”. E máis adiante engade: “A seguridade no traballo é como o aire que respiramos: só nos damos conta da súa importancia cando falla tráxicamente, e sempre é demasiado tarde! (...) Pero non podemos afacernos aos accidentes laborais, nin resignarnos á indiferenza ante eles. Non podemos aceptar o malgasto de vidas humanas (...) Non se pode, en nome dun maior beneficio, esixir demasiadas horas de traballo, diminuíndo a concentración, ou pensar en contar as esixencias de seguro ou seguridade como gastos innecesarios e perda de ganancias (...) As mortes e lesións son un tráxico empobrecemento social que afecta a todos, non só ás empresas ou familias implicadas. Non debemos cansarnos de aprender e reaprender a arte de coidar, en nome da humanidade común. A seguridade non só está garantida por unha boa lexislación, que hai que facer cumprir, senón tamén pola capacidade de vivir como irmáns e irmás no lugar de traballo”.
Esta celebración débenos axudar a implicarnos nesta urxencia de ir creando entre todos unha sociedade dos coidados. Os empresarios teñen un labor importante nesta tarefa. Eles expoñen moito de si mesmos para crear emprego e riqueza, para promover o desenvolvemento social. Grazas pola vosa vocación e o voso traballo ao servizo de todos. Tamén os traballadores teñen un compromiso importante velando e coidando os espazos laborais para que nos humanicen e cren comunidade. E os axentes sociais e a sociedade enteira deben comprometerse en erradicar esta secuela entre nós cunha lexislación oportuna e real. Oxalá esta xornada nos esperte e axude a concienciarnos sobre o que está en xogo.
O voso irmán e amigo.
Fernando García Cadiñanos
é bispo de Mondoñedo-Ferrol