A taxa climática

A crise climática é un dos máis importantes e grandes desafíos do noso tempo, e o seu impacto xa se fai sentir en todo o mundo. Nos últimos informes do IPCC ou da Organización Meteorolóxica Mundial confirmáronse os grandes problemas climatolóxicos mesmo peores que as previsións máis pesimistas: récords de desxeos no 2023, temperaturas máximas históricas, incendios boreais, enorme cantidade de inundacións e ondas de calor extremas. Temperaturas medias, por momentos, por riba dos 1.5º C graos que se fixara no Acordo de París. 


Como sociedade, urxe tomar medidas audaces e decisivas para abordar esta crise antes de que sexa demasiado tarde; estando como estamos diante xa dos puntos sen retorno. Unha destas medidas cruciais é a posta en marcha dunha taxa climática que grave os beneficios das empresas enerxéticas, financeiras e outras corporacións que se benefician da explotación comercial dos combustibles fósiles e outros materiais contaminantes. Estes negocios son unha parte fundamental do problema climático. Velaí, o recente informe de ActionAid e Alianza pola Solidariedade, “O poder dos beneficios caídos do ceo”, mostra como incrementaron os seus resultados extraordinarios nos últimos anos. A súa procura implacable de ganancias levou á emisión desenfreada de gases de efecto invernadoiro e a degradación ambiental, acelerando o cambio climático e os seus impactos devastadores. Unha taxa climática sería un instrumento efectivo para corrixir esta inxustiza e facelas responsábeis, na xusta medida dos lucros que diso aproveitan, dos custos externos da actividade contaminante. Ao gravar os beneficios destas multinacionais, crearíase un incentivo económico para que reduzan a súa pegada de carbono e adopten prácticas máis sostibles. Ademais, os ingresos xerados por esta taxa poderían destinarse a financiar proxectos de mitigación e adaptación ao cambio climático, así como a compensar ás comunidades afectadas pola contaminación e a degradación ambiental. Unha taxa climática non só sería xusta, senón tamén necesaria desde o punto de vista económico. O cambio climático representa unha ameaza significativa para a estabilidade financeira global, co potencial de causar cifras descomunais en perdas económicas se non se toman medidas urxentes. Ademais, unha taxa climática enviaría un sinal de que a era dos combustibles fósiles está a chegar ao seu fin e debe trocarse en enerxías limpas e tecnoloxías sostibles. Así pódese estimular a innovación e a competencia no sector das enerxías renovables. A taxa climática non será tarefa fácil, seguro que enfrontará resistencias. Mais, polo estado de emerxencia climática no que nos atopamos, non podemos permitirnos o luxo de postergar esta medida vital. Esta en xogo o futuro da humanidade.

A taxa climática

Te puede interesar