Sentáronse no mesmo banco, na mesma esquina da praza do seu mesmo pobo e seguiron falando, conversando, escoitando e recordando os tempos polos que xa pasaran, os que lles gustaran, os que anhelaban e moitos daqueles dos que non querían saber nada. Ao mirar atrás caían na conta de que nunca foran nenos. Foran homes pequenos ou pequenos homes acostumados a traballar, amarrados ao duro banco, nenos explotados e marxinados, pobres e loitadores polo pan e polo sal común.
Agora miran ao futuro e descobren a importancia da infancia, a importancia de ser neno cando corresponde, de aprender e de querer. A importancia da inocencia e da ilusión, do xogo, da confianza e da imprescindible aprendizaxe. Pero segundo noticias xornalísticas dos últimos días, baseadas en estudos de mercado, na actualidade os pais xogan pouco cos seus nenos. Invisten máis tempo en comprar os xoguetes que en xogar con eles.
Compran apresuradamente os regalos regulamentarios, envólvenos en papeis de cores, átanos con cintas que brillan ao lonxe e aí che vai, aí che queda! Os nenos rompen a atadura, rachan en mil anacos o papel e van correndo para repetir a acción co segundo vulto, empaquetado con todo o luxo, igual que a ringleira deles ciscallados no chan da entrada.
Aos nenos non lles fales de consumismo. Eles sorrín e calan. Se é por Papá Noel, ben está; se os regalos veñen do Apalpador, cantos máis, mellor e se son os Reis Magos quen os traen, aínda que veñan cos camelos das estepas de Asia central, que tomen algo, que descarguen e que volvan.
Os expertos din que os nenos son quen de pensar de maneira abstracta a partir dos dez-doce anos. Moitos deles, aos sete ou antes, despois de escoitar os falares da casa e dos compañeiros no patio do colexio, xa non cren nestas cousas. Pero a quen lle interesa esa realidade? A ninguén, probablemente. Polo tanto, convertamos a beleza da maxia na verdadeira certeza e desafiemos o imposible. Soñando como soñan os nenos, pódese conseguir isto e moito máis. A beleza do tempo, do inverno e do verán, da natureza e da xente obriga á interpretación, á razón e ao pensamento, axudando a que a sociedade sexa toda ela de fermosura incalculable, con bonitura nos agasallos e con beldade nos soños.
Soñando podemos conseguir un país mellor, a liberdade necesaria, a mirada libre e a convivencia en harmonía. Podemos e debemos conseguir que a única imposición sexa a do respecto, a da tolerancia e a da concordia. Sen máis, como di a Tía Manuela, “se podemos soñar, soñemos”. E, se podemos cantar, tamén cantamos, bailamos e pensamos.