O debate no Parlamento en relación co investidura de Núñez Feijóo, e a mobilización previa en Madrid, deixou en evidencia que nos principais partidos sistémicos prima o tacticismo, que se concreta no PP unha nova convocatoria electoral. É posíbel esta escenificación porque o proxecto estratéxico real non é tan diferente en temas chaves como a economía, o modelo social, a ecoloxía, a guerra na Ucraína.... Daquela que estas cuestións tivesen un papel secundario nas intervencións, para alén da utilización das cifras respecto daquilo que se valoran como éxitos ou fracasos da xestión. Iso non quer dicir que non existan propostas especificas no estratéxico, senón que non hai interese en que se polemicen na sociedade.
Polo tanto a investidura valeulle á dereita para converter a cuestión da soberanía (Euskadi, Galiza, e especialmente Catalunya...), e do máis mínimo recoñecemento da diversidade, como un ataque á identidade española, ao progreso e á democracia. Daquela que se nega o dereito ás “nacionalidades históricas”, que son recoñecidas como tais, a decidir o seu destino, a ter en conta a vontade popular, e a discutir con normalidade as propostas.
Estase desbotando por principio tanto a independencia, como un estado confederal ou federal, como existen no Brasil, USA, Canadá, etc. Pola contra, e sen que se vexa a máis mínima contradición, aceptase na Unión Europea un modelo onde os estados que a integran teñen un maior grao de soberanía, cando menos formal, que por exemplo nunha confederación. Esta dobre vara de medir utilizase todos os días e mesmo ofrecese como modelo ao resto do mundo.
Na práctica todo indica que se trata de blindar unha determinada posición de cada territorio do Estado español na cadea de valor para manter vantaxes económicas e de poder. Un proceso consolidado coa globalización neoliberal, que fortaleceu a centralización e concentración do poder e da riqueza. Daquela que sen importar o lugar xeográfico, as potencialidades primarias, unhas autonomías multipliquen súa povoación e outras a perdan en termos relativos.
O reducionismo do debate tamén lle valeu ao PSOE para activar aqueles sectores sociais que temen a asociación entre a dereita (PP) e a extrema dereita (VOX) máxime cando esta última está a tomar iniciativas que nos devolven ao pasado (franquista) en materia de xénero, dereitos laborais, servizos públicos, tema autonómico. Daquela, de repetirse as eleccións non se debería dar por seguro un triunfo da dereita, máxime lembrando a evolución electoral durante a última campaña.