O sol do verán

Esta semana, concretamente o día 23, celebramos novamente o Día de Rosalía. Esperemos que a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) de regalar un libro –no idioma propio de Galicia– e unha flor vaia formando parte de nós, cada vez máis. Por esa idea da conciencia crítica que facilita a lectura, por iso de que Rosalía de Castro é un dos grandes símbolos nacionais da nosa terra. Esa Rosalía rompedora, feminista e transgresora das forzadas costuras da súa e da nosa época. Permítanme volver sobre un autor preferido. Suxerirlles a derradeira novela escrita por Carlos Casares, “O sol do verán”. Unha historia de amor que evoca, traxicamente, o paraíso perdido dos vellos veráns familiares compartidos. Un canto á beleza, á plenitude da vida e da memoria, impregnado de melancolía e nostalxia. O sol do verán, a derradeira novela do autor, entregada á Editorial Galaxia, no seu inesperado e derradeiro día de vida, hai xa vinte e dous anos. Amor, morte e beleza. Din dela que esta é unha obra de literatura auténtica, de paixón por comprender o tecido íntimo da existencia. A elección da flor para este día rosaliano, déixolla a vostedes e ás máis que axeitadas suxestións das nosas florerías.

O sol do verán

Te puede interesar