Silencio

Esta semana coñeceuse a sentencia da sección terceira da Audiencia Provincial de Almería na que se condena a catro anos de cadea ao xogador do Celta Santi Mina polo delicto de abuso sexual. Non é a primeira vez que un deportista, máis ou menos coñecido, foi condenado por actos similares en ben diferentes lugares, pois ese tipo de comportamentos non son específicos de sitio ningún. O que sería desexable é que fose a última. Sería boa cousa que os deportistas que están na élite, os que están en portas de entrar nela e os que se miran neles tomasen conciencia, se aínda non a teñen, de que a popularidade e o diñeiro non poden supoñer ningún tipo de patente de corso ou carta branca para actuar como a un máis lle apetece, mesmo vulnerando os principios éticos e legais máis elementais. Teño o convencemento de que o futbolista ou xa exfutbolista do Celta -a entidade abriu un expediente disciplinario e borrou o seu nome do historial do club- arruinou a súa vida. El soíño. E todo, se cadra, por aquilo de pensar aquí estou eu, que son o máximo, ou algo parecido. Catro anos de reclusión -e máis que puideron ser- é moito tempo para estar afastado dunha profesión que esixe dedicación específica diaria, imposible de realizar nun centro penitenciario. E logo vén a segunda parte, tan problemática -ou máis aínda- que a primeira: que equipo te vai querer contratar con trinta anos e varios no dique seco? Iso sen ter en conta o que puidesen pesar as causas que motivaron esa situación. Na miña opinión, cando unha persoa comete un delicto calquera e cumpre escrupulosamente as penas que lle fixa a lei todo debía quedar esquecido, mais xa sabemos que non é tan así. Hai cousas difíciles de entender. Non podemos deixar de lado que cando sucederon os sucesos polos que foi xulgado e condenado o xogador este formaba parte do plantel do Valencia. Mais cando o Celta o volveu integrar na súa estrutura xa existía unha denuncia e o caso xa estaba en fase de instrución. A institución optou por entender que mentres non houbese xuízo con sentenza condenatoria non había motivo para actuar en ningún sentido, o que parece correcto, e fichou o xogador. Actuou, paréceme, con prudencia, porque xa sabemos a onde adoitan levar os xuízos populares. Santi Mina, consecuentemente, seguiu participando nas actividades do club ata o de agora, cando se pronunciou a Audiencia Provincial de Almería.


Con todo, para min algo grave de todo este asunto son determinados silencios. Non escoitei aínda ninguén falando do tema. Ninguén quere opinar. Significa iso que, no fondo, os compañeiros de profesión se solidarizan cun abusador sexual, aínda que non queiran manifestalo? De non ser así, por que non o din ben alto e clariño? Dígoo porque penso que, coas evasivas a mollarse, lle están a facer un fraco favor ao colectivo ao que pertencen. -Serán todos iguais?, poderiamos preguntarnos. Sinceramente, eu non o creo, mais gustaría de que a inmensa maioría de xogadores deixase patente que é totalmente contrario a actuacións dese tipo e manifestase a súa repulsa ás mesmas. En casos así sobran os falsos compañeirismos.

Silencio

Te puede interesar