Seguindo as pegadas de Carlos Cano

Debo manifestar que non fun afeccionado á copla malia que de pequeno adoitaba escoitar a miña nai cantar aquela que falaba duns “ollos verdes”, que a bordaba con voz suave e ben temperada, e algunha outra que entón soaban pola radio da autoría de Rafael de León e Manuel Quiroga e interpretadas por Marifé de Triana, Juanita Reina, Concha Piquer e outras celebridades da época. 
 

Comecei a escoitar con certo interese coplas cando aparece en escena o cantante granadino Carlos Cano que, sen dúbida, doulle a este estilo de canción outra dimensión, achegando á copla a un público que non se movía polos sendeiros das folclóricas con bata de cola. As coplas de Carlos Cano son “canela en rama”.
 

Ven isto a conto porque onte en Ares tivemos a ocasión de penetrar no mundo do cantante que naceu no famoso barrio granadino de “El Realejo”, da man de Juan Prados que estudou a vida creativa da personaxe, repasando diversas etapas da súa traxectoria parte da cal estivo dedicada á divulgación dun estilo que, segundo o propio Cano chegou a manifestar, estaba case reservado a franquistas e maricas (sic).
 

Juan Pardos presentou a súa palestra cun roupaxe atractivo introducindo música e baile en directo como ilustración dos seus oportunos e didácticos comentarios. Eu tiven o pracer de dicir “a capella” os primeiros versos dunha das súas grandes cancións: “Siempre” que dedicou ao seu íntimo amigo Lluis Llach, o cantautor catalán fortemente comprometido co nacionalismo e castigado polo réxime por cantar na lingua da súa terra. Lauri e Geno interpretaron tamén ao seu xeito temas do cantautor andaluz e o público que ateigaba o salón da Casa da Cultura pasouno moi ben, abofé. Sen esquecer á parella de baile que nos agasallou danzando ao ritmo de copla, bolero e pasodoble.
 

Carlos Cao foi un compositor moi versátil pois non só figuran coplas no seu repertorio senón que fixo tamén boleros e habaneras cono explicou Juan Prados no seu ameno relatorio. Malia ter falecido moi novo, aos cincuenta e catro anos, deixou máis dun centenar de composicións gravadas, algunha de notoria popularidade como “María la portuguesa” que, segundo explicou o conferenciante, nin era María nin portuguesa. Cano inspirouse nunha historia, moi longa para explicar aquí pero que o mesmo comentamos polo miúdo algún día.
 

Juan Prados é un clásico nos veráns de Ares, pois dende hai uns anos ofrece relatorios que van dende a gastronomía ata a música que a el lle gusta, un home esencialmente curioso que desfruta compartindo as súas curiosidades. Parabéns.

Seguindo as pegadas de Carlos Cano

Te puede interesar