De rúas e similares

Na semana que nos acaba de despedir volveu á primeira liña de debate no concello de Madrid a polémica sobre a denominación de varias rúas que levan nomes directamente relacionados co franquismo, isto é, coa versión española do nazifascismo.
 

Coa finalidade de dar cumprimento á legalidade vixente -que, guste ou non, é a única que hai-, os grupos da oposición presentaron unha proposta de lle devolver a seis rúas as denominacións que, en 2017, o pleno municipal lles puxera en substitución das que viñan levando, por estaren relacionadas coa ditadura e que a nova maioría das dereitas decidiu volver utilizar.
 

Na defensa xustificatoria deses nomes, evidentemente ilegais, o voceiro do PP, Borja Fanjul -descendente directo dun dos principais xenerais sublevados no 1936 e de destacados franquistas, non o esquezamos-, chegou a manifestar que o de “Caídos de la División Azul” daba nome a unha rúa en memoria duns españois que foran voluntariamente loitar contra o comunismo, a ditadura máis sanguiñenta e salvaxe que asolou Europa no século XX. E quedou tan ancho. O que interesadamente calou -porque o sabe, que non todos os cargos do PP teñen que estar no nivel do 1984 de Feijoo- é que esa división de infantería se formou, para incorporala ao exército da Alemania nazi na invasión da Unión Soviética, en compensación pola súa axuda ao exército sublevado para conseguir a vitoria na guerra española.
 

En definitiva: as formacións da dereita con representación institucional seguen sen reprobar a sublevación militar, a ditadura a que conduciu, as persoas que a fixeron posible... E chámanse demócratas. Iso si co curioso concepto da democracia que se fixo patente, por exemplo, e por non saírmonos do tema das denominacións de espazos públicos, nas motivacións esgrimidas, hai uns meses, polo alcalde de Madrid con ocasión de comunicar a decisión do concello de lle dar o nome de Volodimir Zelensky a unha rotonda da capital. Segundo el, a loita pola liberdade e a democracia están en Ucraína e Zelenski é un faro da liberdade nestes tempos. Faro de liberdade un tipo que non fai máis que declarar ilegais partidos políticos? Xa vai por unha ducia. O último o socialista, hai dous ou tres días. Alucinante.
 

E non é só iso. Seguindo coas rúas, esta mesma semana recén acabada, en Kiev, tal e como se decidira hai meses, déuselle o nome de “Herois do Batallón Azov” á rúa que, desde hai anos, levaba o nome do mariscal Rodion Malinovski, ucraíno de Odessa. A historiografía coincide en que Malinovski foi un dos grandes artífices da derrota do nazismo na segunda grande guerra. A súa estratexia foi decisiva na defensa de Stalingrado, na liberación de grande parte do sul de Ucraína -Jerson, Odessa...-, de Romanía, de Budapest, de Bratislava, de Viena... Foi tamén ministro de Defensa da Unión Soviética, cargo que ocupaba cando faleceu en 1967. Xa que logo nada que ver coa situación política actual. Nada que ver con feitos que motiven a desaparición do seu nome do mapa de rúas da capital ucraína. Un auténtico despropósito histórico. Peor aínda se temos en conta que o batallón Azov foi creado por voluntarios neonazis, orgullosos de selo. Bonito panorama.

De rúas e similares

Te puede interesar