Os resultados de Chile

O triunfo de Miguel Boric en Chile, aínda que o prognosticaban á maioría das enquisas, había motivos para a desconfianza. Entre eles, que o ultradereitista Jose Antonio Kast fose o máis votado nas primarias malia que non se contaba que así fose. Que fose o novo presidente sería un reforzo a figuras como Bolsonaro e Duque, e cuestionaría a viraxe ao progresismo de Arxentina, México, Perú, e de governos de esquerda, como Bolivia e Honduras, e agravaría o bloqueo e sancións das potencias hexemónicas a Cuba, Venezuela, Nicaragua...


No resultado xogou un papel destacado que aumentase a participación electoral, uns dez puntos, o que reflicte con toda claridade o temor que causa Kast e seu partido. Mesmo así a participación é baixa, aínda que superior a procesos anteriores. A vitoria de Boric tamén amosa que optaron por el unha gran parte das bases do centro moderado, malia que o podan ver como moi virado á esquerda. Outro aspecto a destacar é que acadou un 56% de votos totais, o que lle dá a fortaleza necesaria para realizar os cambios polos veñen pelexando na rúa dende hai dous anos acotío as clases populares.


Lembremos que Chile ten un carácter simbólico para as forzas neoliberais, porque foi o país onde primeiro se puxeron en práctica, pola ditadura militar na etapa de Pinochet, medidas de flexibilidade laboral, privatización das empresas industriais e dos servizos públicos e das pensións,... Iniciando un período de medre do PIB que a dereita sistémica utilizou en todo o mundo como proba do éxito do modelo económico e social favorábel obviando os custes sociais. A globalización neoliberal foi consagrada pola Constitución pinochetista, polo que a Asemblea Constituínte, nacida da revolta popular, quere substituíla por unha progresista.


Estas eleccións fortalecen esta folla de ruta, mais nas cámaras a dereita segue sendo moi forte e as forzas de centro son as que desempatan. Polo que, avanzar en medidas que democraticen o país, acepten a realidade plurinacional, e dean pulo aos dereitos laborais, necesitará da presión popular, xa que a patronal e as forzas sistémicas farán de contra poder á Asemblea Constituínte e ao Executivo. Como tamén sucede nesta conxuntura noutros países de América Latina e do mundo, onde os governos de esquerda e progresistas enfrontan fortes resistencias. Para vencelas cómpre máis organización, mobilización e disputar o relato á dereita, transformado deste xeito o estado de animo e a correlación de forzas na sociedade. Boric é un paso adiante nesta dirección.

Os resultados de Chile

Te puede interesar