Relacións en pé de igualdade

A guerra na Ucraína, polas súas características e o que está en xogo, foi deixando ao descuberto todas as eivas sobre a que se construíu o modelo da Unión Europea e a nova orde neoliberal establecida coa queda da Unión Soviética. Ou sexa, deixou ao descuberto o capitalismo neoliberal. Por exemplo, na teoría, a UE implicaba unha superación da confrontación entre nacións, un modelo que recollía o mellor de ambos sistemas en disputa (socialismo e capitalismo), primando a xustiza social democracia e solidariedade. Axudaba nesta lectura a descolonización (en moitos casos forzada) e o protagonismo dos Estados Unidos como potencia hexemónica, poñendo en primeiro plano os dereitos individuais, mesmo a costa da igualdade, seu carácter cosmopolita (na realidade tamén racista) seus avances tecnolóxicos, e seu control da información e a cultura de masas.


Mais, hoxe este modelo económico e social está en crise, polo medre da inxustiza social, da violencia, das guerras e intervencións, da especulación financeira, da dobre vara de medir, da desfeita ecolóxica e os límites de recursos esenciais. E, en todos estes aspectos, aínda que a UE cumpra dentro da cadea de valor un papel destacado, despois dos Estados Unidos e algúns países anglo saxóns, como potencia subimperialista, o seu retroceso é mais que evidente. Así se reflicte especialmente coa ruptura con Rusia, o afastamento de China, e o choque de intereses coas nacións produtoras de petróleo, gas, carbón... (a súa aposta nas enerxías alternativas a moi curto prazo). Tampouco se pode obviar o eurocentrismo, a incapacidade para comprender outras culturas milenarias máxime nun contexto da ascenso no futuro de novas potencias, como consecuencia da súa riqueza primaria e medre demográfico.


A caída do PIB de Alemaña nos últimos trimestres, a locomotora da UE, con datos en negativo, así como o déficit no seu comercio exterior, tanto pola ruptura con Rusia como polo afastamento con China (baixo as directrices de Washington). Esta regresión terá un maior efecto nos países periféricos da UE, como é o caso da nación galega, aínda que tarden en sentirse, porque son os derradeiros vagóns do tren. Polo tanto é pouco realista, e mesmo suicida, pensar que os bos datos e relación co medre do PIB e do emprego no Estado español, o colocan como locomotora. Resulta evidente que é unha situación conxuntural. Trátase polo tanto de analizar estratexicamente as contradicións, as tendencias, de manter relacións comerciais en pé de igualdade, de primar a produción local e rexional...  

Relacións en pé de igualdade

Te puede interesar