Refráns e retrancas

Uai varios meses que publiquei neste mesmo xornal un apunte titulado Refraneiro. Nel achegaba algúns dos refráns que tanto me gustan e prometía volver sobre eles outro día. Como din que o prometido é débeda, fágoo hoxe co título da cabeceira. Penso que as dúas verbas teñen, de algún xeito, un significado parello ou polo menos connotacións comúns. Ámbalas dúas son de aplicación a distintas situacións, vostedes interpretádeas e utilizádeas como mellor vos pareza. Segundo o Xerais da Lingua. Refrán: Dito, sentencia popular, proverbio. Retranca: Ironía e gracia no dicir. Despois desta breve xustificación aquí vos deixo, sen orden nin concerto, un novo mangado de expresións, oídas aquí e acolá, que concordan co título. Non precisan dunha explicación maior, cada unha delas é froito da experiencia de moitos anos.  Meu desexo é que desfrutedes delas do mesmo xeito que eu desfruto ao escribilas. Son consciente de que me repito moito, pero neste caso penso que vale a pena facelo, ¿non si?. 
 

Prestade atención e profundade sobre elas que non teñen lixo:
 

- Fuxe meu neniño fuxe que vou chorar séntate na porta a ver chuviscar.
 

- Mexan por nós e hai que dicir que chove
 

- Vale máis unha chea que sete lambadas. Dicíao miña avoa Dona Lola, unha muller de bandeira que viviu preto dos cen anos. Tamén dicía: noites alegres, mañás tristes.
 

- Rebola o pai, rebola a nai, rebola a filla, eu tamén son da familia, tamén quero rebolar.
 

- Non te cases cun ferreiro que é moi malo de lavare, cásate cun mariñeiro que ven lavado do mare.
 

- Fun á taberna do meu compadre, fun polo vento, vin polo aire.
 

- Pasei o mar da Marola, ferrolana por te vere, crucei a mar toda, a piques de me perdere.
 

- ...i o sapo, choroso, cantaba ¡cro cro!. Homenaxe ao gran Curros.
 

- Xente nova e leña verde, todo é fume.
 

- Tales terras, tales nabos. Da colleita do meu pai que, como vos teño dito en algures, era moito home de Dios. Tamén dicía: xente con xente.
 

- Ten coidado Maruxiña cando vaias pra cama, non te vaia a vir o trasno e te faga unha trasnada
 

- Agora xa foi, Marica non chores.
 

- Se queres que o carro cante, móllalle o eixo no río. Despois de estar mollado, cantará como un asubío.
- Chámalle burro ao cabalo, ou viceversa, que tanto ten.
 

- A can vello, todas son pulgas.
 

- Se tiveramos cartos, comiamos cereixas.
 

- Chámame gorrión, e bótame alpiste.
 

- Bicos e apertas non fan nenos, pero tocan a vésperas.
 

- Deus é bo e o demo non é malo.
 

- Cántame no peito, paxariño louro, gaiteiriño lindo, que o teño ferido; ti que con Xesús falas no teu asubío.
 

- Mentres se capa non se asubía.
 

- A cabalo regalado...míralle ben o dente.
 

- ¡Ei Carballeira!, ao que me dea un pau, doulle un peso.
 

- Non hai terra como a nosa.
 

- O río cando vai cheo leva carballos e follas, tamén podía levare as linguas murmuradoras.
 

- Por un lado, ti ben ves, e polo outro, ¿que queres que che diga?
 

- Si ti viras o que eu vin, o outro día na Malata, unha espiga de maínzo a piñas cunha pataca.
 

- Cando o sol esmorecía vin o moucho nun penedo, non che teño medo moucho, moucho non che teño medo. Ata sempre. Unha aperta forte.

Refráns e retrancas

Te puede interesar