Recoñecemento merecido

Produciume grande satisfacción, no seu día, saber por Ana María González Mazud, que comezara os trámites para propoñer á Academia Cubana de la Lengua o nomeamento de académico correspondente do catedrático da Universidade de Heildelberg Oscar Loureda, benquerido e admirado amigo de anos. A doutora Ana María González Mafud é, ademais de académica, ex rectora do Instituto Superior de Arte (ISA) e profesora xubilada da Facultade de Artes y Letras, da que foi decana, cargo que ostentaba cando tiven o pracer de impartir un curso alí como profesor visitante. A partir dese momento foise labrando unha sólida e fonda amizade que chega a hoxe.


As xestións da académica e profesora cubana conduciron a bo porto e a semana pasada, 20 de setembro, na aula magna do Colegio Universitario de San Gerónimo, tivo lugar o acto solemne de ingreso, como académico correspondente da ACuL, do doutor Loureda Lamas, coa disertación “Los estudios del discurso, hoy”, feito que me produciu unha maior satisfacción aínda e que me levou a lle dar os meus sinceros parabéns con estas letras cargadas de recordos.


En 1996 tiveron lugar as primeiras eleccións ao decanato da recén creada Facultade de Filoloxía, que se presentaban reñidas entre dúas candidaturas, unha, que poderiamos denominar oficialista, por estar apoiada pola equipa reitoral, e outra alternativa, que encabezaba eu. Óscar Loureda era destacado representante na Xunta de Facultade do sector do alumnado afín á reitoría -que nese momento era o maioritario- e, consecuentemente, ao candidato digamos oficialista. Por escasa diferencia -7 ou 9 votos, que non recordo ben- gañou a candidatura encabezada por min. Recordo, isto si nitidamente, que na primeira Xunta de Facultade manifestei que as eleccións acabaran e que era desexo da candidatura eleita poder gobernar para todos, como penso que así foi nos tres anos de mandato, que eran os que marcaban os estatutos daquela vixentes. Non obstante, de primeiras, como era a súa obriga, o alumnado da agrupación maioritaria fixo política activa de oposición, mais esta foi aminorando co tempo.


No ano seguinte houbo eleccións de alumnado e a situación mudou significativamente. Gañaron as candidaturas máis afíns á equipa decanal. Nese tempo José Álvaro Porto Dapena -colaborador que foi do noso Diario- obtivo a cátedra de Lingua Española da Universidade da Coruña. Entendémonos moi ben desde a súa chegada e coincidíamos con frecuencia tomando café. Álvaro converteuse en director da tese de doutoramento de Óscar Loureda, quen se incorporou ás conversas da barra da cafetaría. Ese contacto habitual fixo esquecer calquera tipo de resquemor que puidese ter quedado da loita electoral e o paso do tempo acabou por facernos amigos. De feito, nun par de ocasións, por razóns profesionais, viaxamos xuntos á Habana, cidade á que, nesa altura, adoitaba ir cando menos unha vez ao ano.


Na segunda das veces, entre outras actividades, Óscar ía dar un curso intensivo -todo un día- na Universidad Tecnológica da Habana, que está en Marianao, lonxe do centro, e manifestoume que lle apetecía que, se non tiña ocupación maior, o acompañase. Así o fixen e recordo que deixara sorprendido a todo o auditorio, eu incluído.


Logo marchou para Alemania e gañou unha cátedra na Universidade de Heidelberg, que non é pouca cousa.

Recoñecemento merecido

Te puede interesar