reciclado, que emprega moita xente, nas súas diferentes etapas de recollida, transporte, clasificación e recuperación dos diferentes materiais, malia o que algunha xente poida supoñer, non é unha actividade nova, pois xa existía no século pasado e non sei se aínda máis atrás. Lembro que, no barrio onde eu vivía, aló polos anos corenta, había un home que de cando en veces, percorría o lugar, cun saco ao lombo e berrando: “Compro trapos, gomas, cobre, metal y aluminio”. Coa chegada deste ambulante, os rapaciños faciamos “exploracións” buscando polos campos e terras dos arredores, calquera daqueles materiais que o home do saco compensábanos cunhas poucas moedas, “motas”ou “chicos”, que era como se chamaban as de dez e cinco céntimos de peseta das daquela. Hoxe o sistema está moi industrializado e os do primeiro “chanzo” do traballo (os que depositan as bolsas nos contedores), non reciben a cambio nin o agradecemento. Teño entendido que o Concello recibe parte dos beneficios e, se así fose, debería publícalo dalgún xeito, como agradecemento aos que cumpren e incentivo para os que non o fan. Porque se o traballo é de todos, a todos nos toca algo de satisfacción. Ou non é?