Rabo de peixe

Un dos recordos nítidos que teño da infancia son as radionovelas. Non debín escoitar nunca un capítulo enteiro, mais si oía de seguido os nomes dos actores que lle poñían voz ás e aos protagonistas e por, aínda que non prestaba atención -andaba polo medio distraéndome coas miñas cousas-, quedei para sempre cos nomes dalgunha e dalgun deles: Juana Ginzo, Matilde Conesa, Matilde Vilariño, Pedro Pablo Ayuso... Así como dalgunha radionovela: Ama Rosa, como non. Cada capítulo emitíase a primeiras horas da tarde, cando eu estaba no colexio, mais nos períodos vacacionais recordo a miña avoa facendo algún labor ao tempo que non perdía chío dos diálogos da serie. Outras veces viñan escoitar a serie con ela algunhas amigas para logo, ao remate, quedar un tempo de palique. E ao falar de radionovelas non podo deixar de lembrar o Fernando Egozcuezábal -compañeiro dos anos de bacharelato e bo amigo-, que puxo voz á exitosa Simplemente María, xa nos primeiros anos 70. 
 

As primeiras series que seguín foron xa as televisivas. Las aventuras de Rintintín é máis que posible que fose a primeira. Logo, pouco despois, deberon vir Bronco, Bonanza... Destas teño lembranza de ter visto moitos capítulos. Como cada episodio era independente dos outros, non se perdía fío ningún se algunha semana non se podía ver. Co tempo vin máis series e con algunhas -El Santo ou Los persuasores, por exemplo- lembro ter pasado moi bos momentos. Tamén eran de capítulos pechados e podían verse cando apetecera. Mais houbo outras series, algunha de grande popularidade, que case obrigaban a non perder nin unha entrega porque cada capítulo era o elo dunha historia. Solventábase preguntando a alguén o que acontecera, mais non era o mesmo. Dese estilo paréceme que foi a soadísima Dallas a única que máis ou menos seguín.
 

Nos últimos anos son tantas as posibilidades de ver cousas desas -tanto nas cadeas de TV como nas diferentes plataformas- que mesmo resulta cansativo decidirse por algunha concreta. Axuda, a min cando menos, o feito de poder vela cando che apeteza. Con todo, sigo a preferir os filmes ás series, ás que me achego de cando en cando.
 

Esta última semana, sen ir máis lonxe, estiven a ver Rabo de peixe, unha serie portuguesa de 7 capítulos -inclínome máis polas que non teñen moitos- estreada o mes pasado. Dirixida por Augusto Fraga, azoriano da illa de San Miguel, a trama da serie -que, fóra dalgúns detalles, moi pouco ou nada ten que ver coa realidade dos feitos- toma como punto de partida un suceso acontecido en 2001: o naufraxio dun barco, por mor dunha forte tormenta, na costa de Rabo de Peixe, freguesía da azoriana illa de San Miguel. A nave, procedente de Venezuela, estaba tripulada por un narco siciliano -que foi detido e logrou fuxir da cadea- e portaba un importante cargamento de cocaína que, en pequenos pacotes, acabou estrado pola beiramar. A veciñanza, que nunca tal vira, fixo de todo co produto, o que acabou xerándolle problemas dos que dúas décadas despois aínda se resinte. Todo esa historia real queda reflectido como telón da historia ficcional, desenvolvida cunha estupenda fotografía, unha boa banda sonora, un grupo actoral interesante e nun curioso portugués -pode verse en español-, con moita linguaxe popular  da chamada malsoante, que me interesou grandemente.
 

Paréceme digna de ver, máxime cando o cinema portugués circula escasisimamente entre nós.

Rabo de peixe

Te puede interesar