Estamos a quince meses das eleccións municipais e tras o incendio, acontecido na dirección estatal do PP, é evidente que estamos nun novo escenario que vai ter unha influencia determinante. Está por ver se a vella dereita vai ser quen de frear a súa sangría cara aos ultras ou se ben, en Ferrol, vai favorecer o agromar unha candidatura deste perfil antidemocrático.
Desde o goberno municipal vanse anunciando unha xeira de intervencións, moito máis alá dun simple retoque urbano e que vai a cambiar de extremo a extremo a cidade tal e como agora a coñecemos. Mentres, tanto Ferrol en Común coma o BNG quéixanse de que non teñen influencia nas políticas desenvolvidas polo alcalde socialista Ángel Mato. Son as consecuencias directas de quedarse fóra do grupo de goberno. Estar fóra, máis cando a oposición e única alternativa real está liderada por José Manuel Rey e os Populares, éche un mal negocio.